CARA áS ELECCIóNS GALEGAS

'Marea Viva', a iniciativa das candidaturas municipalistas polo confluencia "das forzas do cambio" cara ás eleccións galegas

Un total de 43 candidaturas municipalistas de toda Galiza reuníronse en Marín no quinto encontro das 'Mareas en Común'

mareas marín Foto Pontevedra Viva
photo_camera Foto: Pontevedra Viva

Un “momento constituínte” que de forma “pública e participativa” axude a impulsar a “confluencia de todas as forzas do cambio” de cara ás eleccións galegas. Este é un dos acordos atinxidos esta fin de semana polas 150 persoas que, de 43 candidaturas municipalistas de toda Galiza, se deron cita en Marín no quinto encontro do que se denomina 'Mareas en Común'.

'Marea Viva' é a denominación provisional desta proceso, que fará especial ficapé en fomentar a participación individual de todas as persoas interesadas no cambio. “Servirá para deseñar, en común e entre todas, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno”, afirman nun comunicado.

.Para decidir os detalles concretos, coma o regulamento deste momento constituínte, os seus prazos e o xeito de participar nel, creouse un grupo de traballo que presentará as súas propostas nunha vindeira xuntanza das Mareas En Común, que terá lugar en Sada en breve.

Principios básicos

O plenario das Mareas En Común aprobou o documento que reflicte os seus principios básicos, e que foi elaborado coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas mareas municipalistas. A defensa dos dereitos humanos, radicalidade democrática, a transparencia e a loita contra a corrupción son algúns dos alicerces. Tamén avogan pola feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación, ao tempo que fan unha aposta nun modelo económico máis xusto. Inciden na defensa da lingua e a cultura galega, do ambiente e o benestar animal, e na xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común. Finalmente, o documento aprobado reclama máis autogoberno para Galiza e unha mellor vertebración territorial.

Máis en POLÍTICA
Comentarios