En Marea leva ao Parlamento o menosprezo do xefe de redacción da RG aos convocantes da manifestación

Referiuse con expresións que abeiran o insulto -"carroñeiros", "inframundo", "caverna", "gentuza", "tropa"- os colectivos convocantes dunha manifestación que reuniu miles de persoas en protesta pola Lei de Depredación da Galiza e pola xestión da Xunta durante a vaga de lumes. En Marea pide explicacións ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

RG
photo_camera Un dos estudos da RG

Os parlamentares de En Marea Antón Sánchez e Ánxeles Cuña rexistaron esta segunda feira no Parlamento unha pergunta ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, por meio da cal denuncian as "intolerábeis" opinións deitadas no diario ABC polo xefe de redacción da Radio Galega, Luís Ojea.

As expresións empregues por Ojea contra os colectivos convocantes da marcha do domingo son "inadmisíbeis" para quen, alén do máis, "ocupa un cargo de responsabilidade e ten capacidade de decidir a axenda informativa diaria da radio pública que custeamos todas as galegas e galegos", escreben na súa iniciativa Sánchez e Cuña.

Lembran que non é a primeira vez que Ojea emprega "este estilo insolente e irrespetuoso, fundamentalmente, contra as forzas políticas de esquerda e os seus representantes ou coma, neste caso, cos movementos sociais que son críticos co partido no Goberno".

Nese sentido citan artigos anteriores de Ojea como Que tropa -peza de agosto de 2017 coa que ataca o PSdeG, ao que chamaba tropa e e banda- ou A ver se nos enteramos -entrega de febreiro de 2016 en que fustigaba a Xosé Manuel Beiras, a quen cualificaba como prepotente co ego hipertrofiado.

"Para En Marea son incompatíbeis estas posturas manifestas co desenvolvemento da función de Redactor Xefe da Radio pública Galega de xeito imparcial e ecuánime, polo que esixe medidas por parte da dirección xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia", di a confluencia en nota de imprensa.

Comentarios