28-M

O liderado da oposición, aberto en Vigo: 'sorpasso' do BNG ao PP?

As diversas enquisas avanzan unha clara maioría absoluta de Abel Caballero en Vigo. Mais a noticia non está na maioría absoluta de Caballero, senón na disputa pola segunda praza, pola que compiten un PP en caída e un BNG á alza.

Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG, e Marta Fernández-Tapias, do PP. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Xabier Pérez Igrexas, candidato do BNG, e Marta Fernández-Tapias, do PP. (Fotos: Nós Diario)

As diferentes sondaxes avanzan unha clara maioría absoluta de Abel Caballero en Vigo. Neste sentido téñense manifestado os diferentes estudos de opinión elaborados polos organismos públicos e as empresas privadas que traballan para os medios de comunicación ou para as propias formacións políticas. As proxeccións de intención de voto coñecidas até a data sitúan os socialistas nunha porcentaxe lixeiramente inferior á de 2019.

A Abel Caballero non lle está sentando ben esta campaña electoral. De feito, algunha das sondaxes coñecidas cifra a súa caída desde o comezo da campaña en máis de cinco puntos, coincidindo todas elas nunha tendencia á baixa dos socialistas. Sexa cal for o alcance deste retroceso, o PSOE observa con preocupación esta dinámica e teme que se acentúe esta semana.

PP e BNG loitan por liderar a oposición

O PP loita por non ser superado polo BNG en Vigo, que os tracking colocan esta segunda feira —último día en que poden publicarse as enquisas— a só dúas décimas dos populares en intención directa de voto. Marta Fernández-Tapias non lles está funcionando como candidata. Só se sitúa nunha porcentaxe de voto un pouco superior á conseguida en 2019 por Elena Muñoz, que levou o PP ao peor resultado da súa historia na cidade tras caer, practicamente, sete puntos en relación a 2015. Nesta liña, a propia enquisa interna do PP en Vigo coloca Fernández-Tapias con arredor de catro actas, segundo puido saber Nós Diario, e  Sondaxe, a empresa deomoscópica de La Voz de Galicia, con cinco.

As causas deste resultado son diversas. Algunhas delas de carácter esóxeno e outras de orde endóxena, destacando entre estas últimas a división interna dos populares en Vigo. Marta Fernández-Tapias chegou á presidencia do partido en Vigo en 2021 tras un convulso proceso congresual, onde só obtivo 57% dos votos, fronte á outra candidatura encabezada polo ex conselleiro e senador Javier Guerra, apoiado, entre outras referentes do PP, por Elena Muñoz ou Corina Porro.

O BNG, quen máis crece

O BNG é a forza que máis medra en Vigo. A este respecto, a totalidade das enquisas preséntana como a organización que máis sobe, cunha clara tendencia alza desde o comezo da campaña como xa apuntaba a sondaxe do CIS e cunha intención de voto que pode aproximalo ao quinto concelleiro. Nesta liña, os últimos tracking electorais que se poden publicar -a Lei electoral impide facer públicas as sondaxes alén desta segunda feira- danlle tres edís e sitúan moi perto o cuarto. Ademais, recoñécenlle unha boa valoración ao seu alcaldábel, Xabier Pérez Igrexas.

A porcentaxe de voto que as sondaxes outorgan aos nacionalistas permitiríalles conseguir un deputado no partido xudicial de Vigo en detrimento dos socialistas. A maiores, superar a barreira dos tres concelleiros na cidade posibilitaríalles conformar un grupo propio na corporación, o que dotaría de máis eficacia o seu labor político de oposición.

A Marea, en caída

A Marea de Vigo ten diante de si un panorama complicado. A candidatura conformada arredor de Esquerda Unida e Podemos rexistra unha tendencia á baixa desde o comezo da campaña, que podería provocar a súa saída da Corporación de Vigo. Neste sentido, sondaxes como as encargadas polo Faro de Vigo, Radio Vigo e La Voz de Galicia non lle garanten representación no Concello.

Ademais, as sondaxes internas dos populares, socialistas e nacionalistas de hoxe, ás que tivo acceso Nós Diario, concédenlle á Marea de Vigo unha intención de voto de 3%, dous puntos por baixo do esixido pola lexislación electoral para conseguir presenza na corporación. Ao tempo, certifica a continuidade da caída que se viña observando na última semana e avanza na posibilidade de que unha porcentaxe do electorado de esquerdas fique sen representación na Corporación.

Comentarios