Entrevista

Abel Caballero: "O legado que espero deixar é o da autoconfianza de Vigo en si mesmo"

Abel Caballero Álvarez (Ponteareas, 1946) é alcalde de Vigo desde 2007. Até 2015 con pactos de Goberno ou só de investidura co BNG, e desde entón con crecentes maiorías absolutas, até os 20 concelleiros actuais, fronte aos sete das outras forzas no consistorio (4 PP, 2 Marea, 1 BNG). Caballero repasa nesta entrevista os retos inmediatos da cidade e o legado que aspira a deixar.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero. (Foto: Xan Carballa)

—Vostede chegou á Alcaldía en 2007, ás portas da primeira gran crise económica e hoxe estamos metidos noutra conxuntura semellante ou peor. Que respostas se poden dar desde o poder municipal?
O poder local é tan achegado á xente que somos os primeiros aos que nos reclaman solucións. Nós podemos ofrecer bos servizos públicos: subvencionamos os autobuses con 1 euro por viaxe, antes era 45 céntimos; dedicamos máis recursos a políticas sociais, máis a bolsas de comedor, máis de inglés, bolsas de libros de texto, que conseguiron este ano a gratuidade para máis de 25.000 nenos e nenas aportando 5 millóns de euros este curso, deporte gratuíto practicamente… Claro que se poden facer cousas, o importante é querer facelas e tamén poder, e nós podemos porque temos unhas magníficas finanzas.

—Aínda que a súa é unha traxectoria de 16 anos na Alcaldía, cal é o modelo de cidade que propón a futuro, porque o equilibrio entre unha cidade de servizos (turismo, etc) e industrial (naval, automóbil..) non sempre é doado.
Hai que atendelo todo. Desde un concello como Vigo, son o intermediario do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) de Stellantis (incluídas as factorías de Madrid e Zaragoza) co Goberno de España, coa ministra e a propia Presidencia do Goberno. Tamén fun o principal implementador do Perte do naval ou tamén estamos na Mesa da Pesca. Na dimensión moderna, as cidades estamos en todo e iso depende, máis que das competencias, do peso político. O noso é enorme porque temos un resultado electoral único en Europa e dános unha gran forza e tamén nos facilita conseguir grandes fondos europeos.

—O peso económico de Stellantis e o que orbita ao seu arredor é unha oportunidade, pero esa dependencia non é tamén unha espada de Damocles, porque cada vez que se di desde París que o futuro esixe máis competitividade, a cidade treme?
Bendita espada de Damocles ter unha industria que emprega 35.000 persoas. Esas incertezas téñenas todas as industrias e por todo o mundo. Vivimos un momento no que a deslocalización aparece, pero non é o caso de Vigo, por iso nos empregamos tan a fondo no Perto. Hai unha transición do automóbil de combustión ao eléctrico, e claro que podería haber cambios, pero desde a Alcaldía estou atento á economía, porque Vigo é economía por enriba de todo.

Non somos capital de Galiza ou de provincia, poderíamos selo, nin temos a Delegación do Goberno ou sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, e poderíamos telas, e nin sequera somos Área Metropolitana porque a Xunta rebentouno. Pero somos economía e iso significa que a Alcaldía é un elemento dinámico de primeira magnitude. O Nadal é unha revolución económica, a cantidade de recursos que deixa é inenarrábel, son centos de millóns de euros, cun investimento de apenas 2 millóns. Pero a economía tamén é distribución acaida dos recursos, como 
dicía antes.

—Vigo é a cidade bisagra da relación atlántica con Portugal, non debía ser unha prioridade esa relación? Non debe formularse en termos de cooperación e sinerxías e non competición?
Fundamentalmente, debemos buscar sinerxías. Pero a historia hai cinco séculos illounos e nos meus tempos mozos ir a Portugal era case como ir a Inglaterra, estaba moi afastado, até lembro cruzar a raia clandestinamente desde Portugal cando o meu exilio… Nós temos unha situación singular co norte de Portugal porque somos o nexo de unión de Galiza e coa derivada Madrid-Europa. Iso é Vigo hoxe e por iso é tan importante a saída sur ferroviaria, coa alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa-Setúbal na que os Gobernos español e portugués están empeñados.

Xa se asinaron compromisos entre António Costa e Pedro Sánchez. Vivinos directamente nos Cumios da Guarda-2020 e despois Viana do Castelo-2022, aos que fun convidado. Iso vai mudar a dinámica económica e social de toda Galiza, tamén parte de León e Valladolid, e o norte de Portugal. Os que temos perspectiva histórica sabemos que vai modificar esta área de 7 millóns de persoas que pivota sobre Vigo. Estar a dúas horas de Lisboa en tren muda a perspectiva das relación con todo Portugal, que é moi centrípeto.

—Nesa saída ferroviaria ás veces esquécense as mercancías…
Van ir pola mesma vía.

—Na do AVE á meseta non foi así.
Aí hai moito conto chino da Xunta da Galiza. O Porto de Vigo ten un tren e moveu cero toneladas por ano. Os coches non van saír nunca por tren. Terá que saír o cemento, o aluminio, a pedra, a froita, eventualmente os contedores. pero o Porto de Vigo non é capaz de usar o tren. Que parvada é iso de que o tren é primordial se xa o tes e non o utilizas, úsao!

O que está enriba da mesa é o intento de xustificar o gasto do Porto Exterior da Coruña metendo que Vigo tamén o precisa. Pero é que nós xa temos tren desde o Porto de Vigo e a través da saída sur conectarase con Portugal. Pero temos xa hoxe dúas vías de saída, unha que vai polo Miño até Ourense, que tarda o mesmo que a de alta velocidade que vai a Ourense pasando por Santiago, que nos fai dar unha volta de 100 quilómetros, unha humillación para Vigo. Nas mercancías, si hai que facer o trazado do eixo atlántico pero sabendo cal é o percorrido.

—Falamos de prazos de moitos anos para que o vexamos?
En infraestruturas sempre é así, pero como dicía Keynes, se un non empeza no curto prazo, non chega ao longo. A alta velocidade a Porto podería estar para os anos 30 e calcúlalle 8 ou 10 anos. Será un cambio histórico. 

Vigo precisa aeroporto porque sen el a cidade morre, pero se quero ir a Nova York, porque Galiza non ten masa crítica para ese traxecto, tereino a 35 quilómetros en tren. Porto pode centralizar os voos ao Brasil ou á Arxentina, que agora temos que facer vía Madrid. Se quero ir a Hamburgo ou Londres ou Bruxelas, fareino desde Vigo, pero despois Porto sería unha magnífica alternativa para esoutras rutas transatlánticas.

—O plan de ordenación urbana sempre é decisivo en calquera modelo de cidade e Vigo leva un continuo tecer e destecer. Máis alá das responsabilidades de cadaquén nos problemas xurídicos, para cando un período estábel?
Vaise aprobar no mes de xuño a pesar das cambadelas da Xunta. Cando fixemos o anterior plan, gobernaban Pérez Touriño e Anxo Quintana, e era conselleira María Xosé Caride. Daquela, a Xunta dedicoulle a Vigo uns 250 millóns de euros, os actuais queren dedicarlle cero ás obras das que é responsábel nese plano urbanístico, porque a cidade ten que facer unhas obras, o Goberno estatal outras e a Xunta as que lle corresponden por competencias. Pero Rueda ás infraestruturas ás que está obrigado dedícalle cero euros. De todos modos, o poder da cidade imporase sobre a neglixencia do PP.

—O éxito da proxección exterior de Vigo nestes anos, fagamos a valoración que fagamos, débelle moito aos seus mandatos e á personalización na súa figura, pero cal é o legado que vai ficar para despois?
A autoconfianza de Vigo en si mesmo. Temos orgullo de ser de Vigo, que era unha cidade que se negaba a si mesma. Iso muda a perspectiva. Agora temos esa pertenza a un espazo común como bandeira. Cando cheguei, non había auditorio, nin rúas humanizadas, por non ter non tiñamos unha gran praza, como agora é a Porta do Sol. Somos unha referencia, a terceira cidade de España de coñecemento no estranxeiro: Madrid, Barcelona e Vigo, xa sobrepasamos Sevilla, Bilbo ou Valencia. O fenómeno do Nadal puxo Vigo no mapa. 

O futuro é seguir nesa dirección, pero hai que agarimalo para que non retroceda esa proxección. Engado algo máis: nas eleccións municipais, non gaña o Partido Socialista, nin sequera Abel Caballero, gaña un proxecto de cidade. Son consciente de que dous terzos dos votantes habituais do PP, do BNG ou das Mareas vótanme a min. Isto é un fenómeno digno de estudo. Fomos capaces de identificar as aspiracións da cidade e enfatizar o que nos une.

—Coa delimitación dos espazos para a eólica mariña, a 50 millas de Vigo, o sector pesqueiro está moi preocupado.
Nós tamén e fixemos alegacións: o que se instale ten que facerse compatíbel coa pesca, calquera trazado de liñas por Vigo ten que ser soterrado e debe haber vantaxes de territorio por esa produción.

—Historicamente non se contemplou, inzouse Galiza de grandes encoros pero non tivemos prezos mellores que compensasen os recursos directamente inutilizados.
Había apenas un canon eléctrico que debían cobrar as Deputacións. Romper o prezo é complicado, estudeino pero é moi difícil porque rompe o mercado, pero debe haber compensacións en recursos para os concellos e a comunidade autónoma. Galiza é unha gran provedora de enerxía limpa e renovábel, barata, e iso hai que compensalo.

—Vigo é a cidade de adopción de Paco del Riego, núcleo da vida editorial galega e homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Non demanda iso da cidade que sexa líder tamén ante a perda de substancia galega do país a pesar de sermos constitucionalmente unha nación histórica?
Niso estamos. Queremos que 'don Paco' sexa inmensamente honrado en Vigo, tamén neste ano das Letras Galegas. Vou facer coincidir neste ano a remodelación da praza que leva o seu nome cun lugar para accións culturais e concertos. Vigo ten a súa maneira de entender a galeguización. Non é o mesmo vista desde Castelao que desde Vigo porque aquí ten que ver coa globalización, coa industria e as mercancías. Paz Andrade xa vía unha Galiza diferente á de Castelao. Galiza ten moitos prismas desde os que ser observada.

Neste Gran Vigo que chega até Tui, a visión galeguista é potentísima, porque a nosa proximidade a Portugal tamén introduce matices nese galeguismo, non o entendemos igual que desde A Coruña. Ti e mais eu podemos ir tomar café a Portugal, aquí ao lado, e fálase unha lingua moi semellante á nosa (descende do galego). É un galeguismo distinto ao de partidos nacionalistas que non comparto.

Quero recoñecerlle a Beiras algo moi importante: que sempre fixo da lingua un factor transversal non sometido a ataque político. Beiras xamais lle recriminou a ninguén a lingua que falaba. Foi quizais o acerto maior da súa vida política. Dentro disto, hai formas ideolóxicas diferentes de entender as cousas, pero o galeguismo de 'don Paco' ou de Castelao deben seguir sendo transversais. Algúns galeguistas históricos déronnos leccións marabillosas a ese respecto e eu intento levalas adiante.

Comentarios