MARCA DISTANCIAS

Leiceaga: “As mareas non están preparadas para gobernar e amosan certa intrasixencia”

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, trata agora de marcar distancia coas mareas após expresar publicamente a súa aposta no diálogo con esta forza durante a campaña interna que o enfrontou a Méndez Romeu.

leiceaga
photo_camera [Imaxe: Radio Galicia/Cadena SER]

Após caracterizarse durante a campaña interna de eleccións primarias no PSdeG por optar polo diálogo coas mareas, Leiceaga opta agora por marcar distancias. Nunha entrevista concedida a Radio Galicia-Cadena Ser, dixo non contemplar o escenario de ser superado o PSdeG pola marea, “non me parece que forme parte da realidade”.

Aliás, admitiu: “Non estou nada preocupado polas mareas”. “Veremos que pasa nas xerais, no ámbito autonómico, as regras do xogo son lixeiramente diferentes, porque ao seren eleccións de ámbito galego hai forzas políticas que teñen unha porcentaxe superior ás eleccións xerais e, en segundo lugar, estamos decidindo quen vai xestionar a sanidade, a educación… infraestruturas… E non vexo posibilidade de que os progresistas vexan unha mellor proposta que o PSOE”, apuntou a respeito dun suposto “sorpasso”.

Preguntado polos gobernos municipais das mareas, o candidato socialdemócrata sinalou que “hai, eu creo, de forma moi estendida e sobre todo entre o electorado progresista, a sensación de que As Mareas non están preparadas para gobernar e de que amosan, digamos, certa intransixencia nos comportamentos de goberno”.

"A idea base de Caballero [sobre as mareas] eu compártoa"

Sobre se ve estes gobernos de candidaturas municipalistas unha “calamidade”, como os definira Abel Caballero, Leiceaga contestou que “en xeral, non están á altura das expectativas que xeraron no electorado e están moi por baixo dos estándares”. “A idea base de Caballero eu compártoa”, engadiu.

Preguntado polo seu pasado no BNG, Leiceaga definiuse como “socialdemócrata galeguista” e apostou na visión federal do Estado, “non vexo máis futuro que formando parte dun conxunto amplo chamado España, que ten que ser solidario e integrador”.

Leiceaga cre que os antigos dirixentes do PSdeG "non poden ser primeiros espadas"

En relación á elaboración das listas á Xunta de Galiza, o candidato do PSdeG apostou na “renovación”. “Temos que buscar a mellor lista posíbel, hai unha dura competencia eleitoral”, afirmou. Sobre a participación de antigos dirixentes da formación socialdemócrata, sinalou que deben estar “nun lugar diferente”. “Poden estar nun primeiro plano pero non ser os primeiros espadas”.

Comentarios