Altri leva políticos da Ulloa ás súas fábricas de Portugal

A loita nas comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa, afectadas todas polo proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, está a ver nesta semana unha ofensiva da pasteira portuguesa contra a postura maioritaria dos Concellos da zona e de numerosas veciñas e veciños a respecto do Proxecto Gama para a construción da pasteira. Logo de que os técnicos de Altri marcharan deixando plantada a veciñanza, un folleto publicitario por correo ordinario, unha web en castelán e unha excursión de políticos locais e medios a Portugal, son o contraataque de Altri. Na Galiza a política toma partido.
Distancia das parroquias respecto ao lugar que ocuparía a celulosa de Palas de Rei. (Foto: Antonio Presas)
photo_camera Distancia das parroquias respecto ao lugar que ocuparía a celulosa de Palas de Rei. (Foto: Antonio Presas)

A resposta social, veciñal e mesmo política á macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) está a provocar nas últimas semanas "un contraataque" da empresa lusa (Greenfiber, na Galiza) e contratou unha axencia de comunicación (Octo Comunicación), un servizo de correos postais para repartir nun día á veciñanza dos concellos afectados un folleto sobre o Proxecto Gama para a construción da pasteira e a apertura dunha páxina web (só en castelán) co mesmo contido que o folleto.

A última actividade desta estratexia publicitaria de Altri foi esta quinta feira e consistiu en organizar unha excursión de políticos e medios de comunicación ás súas fábricas en Portugal —saíron esta quinta feira de madrugada e voltarán hoxe pola tarde—. A bordo do autobús de Altri foron os alcaldes populares de Palas de Rei e Monterroso, unha concelleira socialista de Antas de Ulla (os tres concellos forman a comarca da Ulloa), e xornalistas dos medios seleccionadosNós Diario non foi convidado—.

A través da empresa de publicidade, Altri convidou a esta excursión os alcaldes de Melide (Xosé Manuel Pérez, de Adiante Melide), Santiso (Manuel Adán, do BNG) e de Agolada (Luís Calvo, do Partido Anticorrupción y Justicia). Todos eles recibiron mensaxe do “equipo de comunicación de Greenfiber” para “unha visita ás instalacións de Altri en Portugal”. Estes tres alcaldes da zona declinaron a invitación.

"Bo día alcalde, son [este xornal omite o nome], do equipo de comunicación de Greenfiber. Desculpe que o moleste en festivo, pero necesitamos saber se poderá asistir ou non á visita que faremos a vindeira semana ás instalacións de Altri en Portugal. Temos que pechar o transporte e aloxamento e necesitamos saber cantas persoas irán á visita", foi a mensaxe que recibiu un dos rexedores e á que este xornal tivo acceso.

O alcalde de Agolada explicou a Nós Diario que “educadamente lle dixen que eu non ía”, o mesmo que o de Santiso e o de Melide, que recoñeceron que houbo algunha insistencia por parte da empresa ao respecto. Tampouco quixo asistir a alcaldesa de Antas de Ulla (Pilar Porto, do PSdeG).

A publicación do proxecto oficial de Altri no Diario Oficial da Galiza (DOG) o pasado 4 de marzo, onde a empresa recoñece que a planta vai fabricar o dobre de celulosa que de lyocell (400.000 toneladas fronte a 200.000) e a actitude dos técnicos na súa controvertida visita aos concellos afectados, levaron moitas Alcaldías e concelleiros e concelleiras da zona a posicionarse en contra desta macrocelulosa. A este escenario xeneralizado na zona, negativo para as pretensións de Altri, sobreviu a campaña de comunicación da pasteira.

O impacto que recoñece Alfonso Rueda

O presidente galego en función, Alfonso Rueda, respondeu esta quinta feira, após o Consello da Xunta, a preguntas da prensa a respecto de Altri. Aínda que non quixo entrar en “cuestión técnicas” arredor do feito de que a propia empresa recoñece agora que vai subir 3 graos a temperatura do río Ulla polas súas verteduras, Rueda si recoñeceu que estamos diante dun proceso de avaliación dunha “industria grande en todos os sentidos, tamén con grandes impactos”. O presidente asegurou que lle “tranquiliza” os controis ao respecto “que estabelecen a Xunta e outras administracións”.

Segundo Alfonso Rueda, “se Altri cumpre, sairá adiante e, se non cumpre, non. Imos ser rigorosos”. De todos modos, Rueda aproveitou para cualificar a contestación veciñal ao proxecto como “argumentos demagóxicos e terxiversacións” e mesmo defendeu o suposto emprego que Altri podería crear afirmando que “a Galiza non está para prescindir de postos de traballo, especialmente nunha zona rural”. Un argumento que contrasta cos datos de paro na comarca da Ulloa, inferiores a 3,5% segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ana Pontón oponse a Altri

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi tamén preguntada esta quinta feira ao respecto nun acto en Lugo. A nacionalista reafirmou a “posición moi clara” expresada estas semanas polo BNG a respecto do proxecto de Altri, que cualificou coma “unha bomba ambiental que non podemos permitir baixo ningunha circunstancia no corazón do rural galego”.

Lembrou que coa documentación presentada pola empresa, “o proxecto non deixa de ser unha macrocelulosa que vai ter un impacto contaminante moi importante e que vai afectar milleiros de postos de traballo que xa existen na comarca”. Pontón dixo que "as empresas que non queren en Portugal non deben instalarse na Galiza” e deixou claro que ten o apoio do BNG “toda mobilización e oposición que hai contra esta bomba ambiental”.

O PSdeG advirte dun “Pemex 2”

Desde o PSdeG tomou a palabra a respecto de Altri a viceportavoz parlamentaria, Elena Espinosa, que na Cámara galega advertiu dos riscos de que este proxecto remate convertido nun “Pemex 2” (en relación ao anuncio falido de construción naval de Feixoo na campaña electoral de 2012). Espinosa convidou Rueda a aclarar as dúbidas sobre este proxecto.

Ence aposta por máis celulosa

Precisamente esta quinta feira, o presidente de Ence-Enerxía e Celulosa, Ignacio Colmenares, insistiu logo da xunta xeral de accionistas na aposta do grupo pasteiro “polo crecemento e a diversificación” nos seus negocios de produción de celulosa e enerxías. Colmenares referiuse ás plantas de Lourizán (Pontevedra) e Navia (Asturias) como industrias “impulsoras da descarbonización e a bioeconomía circular”, dous argumentos que Altri subliña para conseguir financiamento público da UE para implantarse en Palas de Rei.

Veciñanza e política local, contra Altri

Mentres a pasteira portuguesa distribúe publicidade entre a veciñanza, o movemento cidadá contra Altri está a recibir o respaldo na política municipal das comarcas afectadas. Foi a Deputación de Lugo en pleno a primeira en situarse en contra da fábrica após unha moción do PP a prol da mesma. O non a Altri conseguiu un empate no organismo provincial que resolveu co seu voto de calidade o presidente, José Tomé (PSdeG), cun argumentario claramente en contra “da celulosa” en Palas. O BNG presentou mocións en todos os concellos da zona e, logo do parada da Semana Santa, os primeiros debates municipais non deixan un bo balance político para o proxecto de macroceulosa de Altri en Palas de Rei.

De momento, Melide (Terra de Melide) e Vila de Cruces (O Deza) celebraron os seus plenos municipais mensuais expresando de forma contundente, clara e maioritaria o seu rexeitamento ao Proxecto Gama. En ambos os dous casos, a postura dos grupos municipais do PP quedou nun argumentario arredor de que estamos diante “dun proxecto embrionario”, que até o 17 de abril hai aberto periodo de alegacións, o control das administracións públicas ao respecto, e como resultante o voto do PP até o de agora é a abstención. Os postulados políticos a este respecto chegaron despois do labor veciñal exercido estes meses pola Plataforma Ulloa Viva. A súa voceira, Marta Gontá, saíu hoxe ao paso da "ofensiva publicitaria" de Altri.

“Falan para políticos, negocian con políticos que son os que poden darlle as concesión, os veciños non lles importamos nada, teñen pensado asoballarnos e pasarnos por riba, apadriñados por políticos”. Gontá critica o feito de que Greenfiber abrirá unha web “en castelán” sobre o Proxecto Gama.

Comentarios