José Miñóns toma posesión como ministro e subliña que "non existe o gasto en sanidade, senón o investimento en saúde"

O novo responsábel da carteira de Sanidade agradece o nomeamento e defende o "municipalismo" como "piar" da política: "Sempre o tiven presente, como alcalde e delegado, e seguirá presente nesta nova etapa".
Os ministros de Sanidade entrante e saínte, José Miñóns e Carolina Darias, esta terza feira, no acto de entrega de carteiras. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Os ministros de Sanidade entrante e saínte, José Miñóns e Carolina Darias, esta terza feira, no acto de entrega de carteiras. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O novo ministro de Sanidade, o compostelán José Manuel Miñóns, recibiu na mañá desta terza feira a carteira de mans da ministra saínte, Carolina Darias —candidata do PSOE á Alcaldía das Palmas de Gran Canaria—, e dedicou o seu discurso a defender un sistema sanitario "público, universal e de calidade". "As miñas primeiras palabras son de recoñecemento e apoio á sanidade pública, un dos maiores logros que conseguimos como país, que nos fai grandes como nación", subliñou Miñóns na súa primeira intervención pública como titular de Sanidade no acto oficial de traspaso de carteiras.

Tras prometer antes o cargo ante o rei Felipe no Pazo da Zarzuela, o novo ministro insistiu en que dentro do Goberno español vai defender "un modelo sanitario público, universal, de calidade, equitativo e sostíbel, sensíbel ás necesidades da cidadanía". "Así o fixo até o de agora o Goberno e así o seguiremos a facer", reiterou. Unha vez puxo as bases sobre cal vai ser o seu modelo á fronte do Ministerio, Miñóns recoñeceu o "enorme traballo" dos seus predecesores no cargo por "toda a súa dedicación e profesionalidade", citando especialmente a Darias. "Tes todo o meu recoñecemento e admiración", díxolle á xa ex ministra.

Tamén se referiu á nova ocupación de Darias, que se enfrontará en maio ás urnas para tentar ser a nova rexedora das Palmas, a súa cidade natal. Este é un nexo de unión entre Miñóns e Darias, pois o novo ministro tamén foi alcalde de Ames, antes de ostentar o cargo de delegado do Goberno estatal na Galiza.

Miñóns defendeu o "municipalismo" para a xestión tamén á fronte do Ministerio. "É un dos piares da política, estar perto da xente para axudar ás persoas. É algo que sempre tiven presente, primeiro como alcalde de Ames e logo como delegado do Goberno. O municipalismo seguirá presente nesta nova etapa", asegurou. Comprometeuse, por tanto, a ter "responsabilidade", mesturada con "iguais doses de humildade e ilusión" para "seguir facendo o traballado extraordinario" que se realizou, incidiu, durante o mandato de Darias.

"Para o mozo que hai moitos anos cruzaba o campus con destino á Facultade de Farmacia segue vixente o principio de aplicar todos os meus coñecementos e habilidades para favorecer a saúde e o benestar de todos"

Ao fío desta cuestión, o novo ministro, licenciado en Farmacia, mandou mensaxes a todos os axentes do sector sanitario, prometendo "traballar desde o convencemento de que non existe o gasto en sanidade, senón o investimento en saúde". José Miñóns dirixiuse igualmente ás comunidades autónomas, ás que instou a actuar de forma conxunta para "seguir protexendo e avanzando no dereito da saúde".

Tamén aos traballadores do Ministerio: "Espero estar á altura da vosa dedicación e compromiso. A porta do meu despacho estará sempre aberta". Un "agradecemento especial" dedicou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen xa confiara nel como delegado na Galiza e agora para formar parte do núcleo duro do Executivo. "É moita a xente válida e merecedora deste cargo que teño a honra de asumir", esgrimiu.

Por último, centrou as súas palabras nos profesionais sanitarios, tanto "a quen atende nas cidades como no último recuncho da nosa xeografía". "Asegúrolles que para o mozo que hai moitos anos cruzaba o campus da Universidade de Santiago con destino á Facultade de Farmacia, segue vixente o principio de aplicar todos os meus coñecementos e habilidades para favorecer a saúde e o benestar de todas aquelas persoas ás que sirvo. Estou seguro de que así, paso a paso, seguiremos construíndo un gran país", finalizou.

Ao acto de traspaso de carteiras, que decorreu como vén sendo habitual no Salón de Actos Ernest Lluch do Ministerio de Sanidade, no Paseo do Prado de Madrid, acudiron oito membros do Goberno de coalición: a portavoz, Isabel Rodríguez; as ministras de Traballo, Yolanda Díaz; de Economía, Nadia Calviño; de Presidencia, Félix Bolaños; de Facenda, María Jesús Montero; de Xustiza, Pilar Llop; de Ciencia, Diana Morant, e de Educación, Pilar Alegría.

Tamén estiveron presentes cargos gobernamentais como a nova directora da Garda Civil, Mercedes González; deputados socialistas —entre eles a ex ministra María Luisa Carcedo—; o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón; a secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón; o director do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), Cristóbal Belda, ou a directora da Organización Nacional de Transplantes (ONT), Beatriz Domínguez-Gil. Igualmente, o Salón Ernest Lluch reuniu axentes de todo o sector sanitario, como representantes dos consellos xerais de médicos, enfermeiros e farmacéuticos, sociedades científicas ou as patronais da industria farmacéutica e a sanidade privada.

Comentarios