Pedro Sánchez anuncia mudanzas no Goberno español: o compostelán José Miñóns, novo ministro de Sanidade

Carolina Darias e Reyes Maroto abandonan o Executivo para centrarse nas eleccións municipais.
Comparecencia do presidente Pedro Sánchez na Moncloa.
photo_camera Comparecencia do presidente Pedro Sánchez na Moncloa, esta segunda feira. (Foto: RTVE)

A primeira hora da mañá desta segunda feira o Goberno español avanzaba a comparecencia de urxencia do presidente, Pedro Sánchez, para facer ante a cidadanía unha declaración institucional que servise de anuncio das novas fichaxes do seu Executivo, cuxa remuda xa se anticipara por mor das saídas das titulares de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e de Sanidade, Carolina Darias, que encabezarán a candidatura do PSOE nas eleccións municipais en Madrid e As Palmas de Gran Canaria, respectivamente.

O elixido para substituír a ministra Darias é un galego: José Manuel Miñóns Conde, que desde hai dous anos viña exercendo como Delegado do Goberno estatal na Galiza após dirixir o Concello de Ames entre 2015 e 2021. Pola súa parte, o tinerfeño Héctor Gómez Hernández, ex director do Instituto de Turismo de España (Turespaña) e deputado socialista no Congreso, tomará o relevo de Maroto.

Da desde agora ex ministra de Sanidade salientou que o seu nome "quedará vencellado sempre ao éxito da campaña de vacinación" contra a Covid-19 e que puxo en marcha "a maior oferta de prazas MIR". Darias accedera a esta carteira en xaneiro de 2021 substituíndo Salvador Illa, que marchara para liderar a listaxe socialista nas eleccións catalás daquel ano, e previamente, durante o ano anterior, fora a responsábel de Política Territorial e Función Pública.

Sobre o papel de Reyes Maroto á fronte de Industria desde o primeiro Goberno de Pedro Sánchez —xuño de 2018, após a exitosa moción de censura presentada contra Mariano Raxoi no marco da sentenza do caso Gürtel—, subliñou que "sempre traballou para buscar solucións" a algúns dos sectores máis afectados —industria, comercio e turismo— pola pandemia e a guerra en Ucraína.

Miñóns, do Concello de Ames á Moncloa

José Miñóns (Santiago de Compostela, 1972), cuxo nome comeza a situarse nas quinielas do PSdeG-PSOE como posíbel candidato á Presidencia da Xunta da Galiza en 2024, é licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, institución na que exerceu como profesor do departamento de Química e Física, na Facultade de Farmacia.

José Miñóns, nunha rolda de prensa na Delegación do Goberno. (Foto: Europa Press)
José Miñóns, nunha rolda de prensa na Delegación do Goberno. (Foto: Europa Press)

Foi durante máis dunha década edil da corporación municipal de Ames e alcalde do municipio entre 2015 e 2021, momento no que tomou o relevo de Javier Losada á fronte da Delegación do Goberno español na Galiza. Tamén foi membro da comisión de mobilidade e accesibilidade da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), órgano actualmente presidido polo rexedor vigués, Abel Caballero.

Héctor Gómez: experiencia no Congreso

Tras o seu paso como concelleiro na corporación municipal de Guía de Isora (Santa Cruz de Tenerife) entre 2007 e 2015, Héctor Gómez deu o salto ao Parlamento de Canarias hai oito anos, nunha lexislatura na que foi designado secretario segundo da Mesa da Cámara.

Intervención do socialista Héctor Gómez desde a tribuna do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Intervención do socialista Héctor Gómez desde a tribuna do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

De 2018 a 2019 foi director xeral de Turespaña, e nese último ano obtivo a acta de deputado no Congreso, onde foi portavoz do grupo parlamentario do PSOE entre setembro de 2021 e o mesmo mes de 2022, cando o substituíu Patxi López. Foi tamén, desde 2017 até 2021, secretario de Relacións Institucionais do Partido Socialista.

Comentarios