Felicitacións, mais tamén deberes, para o novo ministro de Sanidade

O PSdeG acolle con "satisfacción" a noticia, mentres Feixoo cre que os socialistas "buscan candidato para a Xunta" e o persoal sanitario ofrece colaboración e sinala os retos pendentes.
José Miñóns, co Informe de rendición de contas do Goberno español en 2022. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Miñóns, co Informe de rendición de contas do Goberno español en 2022. (Foto: Europa Press)

Non tardaron en chegar as reaccións desde diferentes sectores desde que a primeira hora desta segunda feira Pedro Sánchez anunciou o nomeamento de José Miñóns como novo ministro de Sanidade. O até o de agora delegado do Goberno estatal na Galiza substituirá Carolina Darias, que será a candidata do PSOE á Alcaldía das Palmas de Gran Canaria nas vindeiras eleccións municipais, unha noticia que o Partido dos Socialistas da Galiza acolle con satisfacción.

Rodríguez Rumbo: "Miñóns reforza o peso galego na Moncloa"

A viceportavoz do grupo do PSdeG no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, mostrou a "felicidade" do PSdeG, de cuxa executiva forma parte Miñóns, por unha elección que "reforza o peso galego" na Moncloa. Rodríguez Rumbo, que é a primeira voz socialista galega desta xornada que arrincou coa remodelación do Executivo español, sinalou que se trata dunha "boa noticia" para toda a cidadanía e, especialmente, para a Galiza.

En rolda de prensa, manifestou, en primeiro lugar, a "satisfacción" do PSdeG e mostrouse segura de que Miñóns "vai facer un magnífico papel como persoa traballadora, implicada e progresista", como "xa mostrou en diferentes etapas" políticas da súa carreira, entre as que destacou que foi alcalde de Ames (2015-2021). Os socialistas galegos felicitáronse por este nomeamento e desexaron "os mellores acertos" a Miñóns na súa nova etapa. "Eses acertos redundarán en beneficio de toda a cidadanía e, especialmente, da cidadanía galega", dixo.

Feixoo cre que o PSOE "busca candidato á Xunta"

Con menos satisfacción recibiron o novo ministro de Sanidade desde o PP. O seu líder a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, considerou que o nomeamento "probabelmente" responde a unha "decisión orgánica" do partido, que é "buscar un candidato á Presidencia da Xunta", tendo en conta que "parece ser que non ten", asegurou.

Feixoo: "O noticiábel son os ministros que seguen no Goberno"

Nestes termos falou Feixoo en declaracións aos xornalistas pouco despois do anuncio de Sánchez. Deu a "benvida" a Miñóns como titular de Sanidade e a Héctor Gómez á fronte da carteira de Industria, Comercio e Turismo, se ben subliñou que o "noticiábel" e "sorprendente" é que o xefe do Executivo manteña nas súas carteiras titulares "desgastados" como Irene Montero —Igualdade— ou Fernando Grande-Marlaska —Interior—. Ao seu entender, acredita que Pedro Sánchez "non pode e non ten marxe" para facer as remodelacións que faría un "presidente con autoridade".

"O cortés non quita o valente e creo que o primeiro que me toca é agradecer os servizos prestados á ministra de Sanidade [Carolina Darias] e de Industria [Reyes Maroto] e dar a benvida aos novos ministros", manifestou. Porén, reiterou que "o noticiábel" non é que se cubran uns ministerios "interinos desde o ano pasado", senón que o presidente "non exercese o seu labor de coordinar e dirixir o Goberno". "O importante non é que cubra as vacantes que el mesmo propuxera nos últimos meses do ano pasado senón que o noticiábel son os ministros que quedan no Goberno", aseverou.

O persoal farmacéutico valora a súa "dilatada e recoñecida traxectoria"

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos (CGCOF) felicitou José Miñóns polo seu novo cargo. A través dun comunicado, o presidente do Consello, Jesús Aguilar, puxo en valor a súa "dilatada e recoñecida traxectoria no ámbito académico e investigador, así como a súa traxectoria na Administración". Tamén celebrou que sexa o primeiro ministro de Sanidade licenciado en Farmacia.

Para os farmacéuticos, Miñóns terá que afrontar "unha etapa crucial" para a Sanidade con "importantes iniciativas" en marcha no ámbito estatal e a "revisión da lexislación farmacéutica europea", que o Estado español liderará desde a Presidencia do Consello da Unión Europea no segundo semestre do ano.

Os farmacéuticos ofrecen "vontade de diálogo e colaboración"

Aguilar ofreceu ao novo ministro a súa "vontade de diálogo e colaboración" para avanzar en retos como a revisión da Lei de Garantías e Uso Racional dos Medicamentos e Produtos Sanitarios, a normativa en tramitación no ámbito da Saúde Pública ou Produtos Sanitarios, así como a garantía da subministración de medicamentos. A respecto diso, sinalou que agarda reunirse con Miñones "cando antes para empezar a traballar xuntos".

O persoal sanitario pon deberes

Pola súa parte, o presidente da Organización Médica Colexial (OMC), Tomás Cobo, confía en que o novo ministro de Sanidade "faga realidade a Axencia Española de Saúde Pública", impulsada pola súa antecesora no cargo, e ofreceulle a "colaboración" do organismo durante o seu mandato. "O Consello Xeral de Médicos, como sempre, está á disposición de todas as administracións para achegar o noso coñecemento e promover solucións. Sen dúbida, como presidente a miña man tendida para unha estreita colaboración", dixo Cobo.

Neste sentido, o presidente da OMC subliñou os "tres grandes fitos" que alcanzou Darias á fronte do Ministerio de Sanidade, como o real decreto 12/2022 do 5 de xullo, que reforma a Lei 55/2003 do 23 de decembro do Estatuto Marco do persoal estatutario co obxectivo de tapar a fenda da precariedade laboral nos profesionais sanitarios.

Marciano Sánchez-Bayle: "É bo que coñeza o sector, non coñecelo é sempre un hándicap"

Aliás, o portavoz da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), Marciano Sánchez-Bayle, aplaudiu que o novo ministro sexa un profesional sanitario e pediulle que mellore "substancialmente" a Atención Primaria. En declaracións á axencia Europa Press, Sánchez-Bayle resaltou de Miñóns que "ten algunha vantaxe" por ser licenciado en Farmacia.

"Coñece o sector, iso sempre é bo. Non coñecer o sistema sanitario sempre é un hándicap", valorou, ao tempo que afirmou que Darias "non foi unha boa ministra". Para Defensa da Sanidade Pública, o novo ministro ten varios retos, como "conseguir un financiamento suficiente e finalista" do sistema sanitario, "blindar" o sistema sanitario público para reverter a privatización e, sobre todo, levar a cabo actuacións para "mellorar de maneira substancial" a Primaria.

Outro punto importante para FADSP é abordar a política farmacéutica. "Ten moitos problemas, temos un gasto farmacéutico incontrolado. E tamén está a haber unha fervenza de desabastecemento de medicamentos que se debe liquidar. Hai que intervir de maneira clara", insistiu.

Comentarios