Xoaquín Fernández Leiceaga: "O sistema de cercanías sería unha mellora notábel"

O vicevoceiro da Comisión de Orzamentos no Senado estatal, Xoaquín Fernández Leiceaga, do Partido dos Socialistas da Galiza, explica a súa perspectiva sobre a primeira parte da lexislatura e valora os Orzamentos Xerais do Estado, que xa foron aprobados no Congreso e continúan a súa tramitación no Senado.
O senador do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. (Foto:  Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera O senador do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)

Como valora a primeira metade do mandato parlamentar?

É unha lexislatura moi intensa, moi condicionada pola pandemia, e o primeiro que hai que dicir e que en conxunto houbo un manexo moi adecuado, cunha política de vacinación moi activa que permite que España estea á vangarda dos países europeos en termos de poboación protexida, cunha incorporación dos territorios á xestión da pandemia como corresponde a un Estado de raíz federal. 

E os Orzamentos Xerais do Estado?

Hai que destacar varios elementos, o primeiro un incremento notábel do investimento público territorializado na Galiza, en torno ao 30%, é o territorio que máis medra con relación ao ano precedente.

En segundo lugar, hai unha grande oportunidade que son os fondos europeos, unha grande oportunidade para territorios como a 
Galiza que están na periferia  física do Estado español e que necesitan modernizarse.

Terceiro, é un momento económico complexo, con incertezas, creo que o ton da política económica segue sendo expansivo, como reclaman os organismos internacionais e a Comisión Europea. 

Aínda que aumenta o volume con respecto ao ano pasado continúan sendo mais baixos que en 2018 non? 

Máis importante que fixarse en porcentaxes é observar como se usa na superación dos bloqueos que hai no territorio. Hai que destacar dous esforzos moi grandes, un en relación coa rebaixa da peaxe na AP9, e en segundo lugar a modernización ferroviaria, que non só é para completar a chegada do AVE, senón que vai permitir actuar noutros ámbitos da rede ferroviaria na Galiza, como o tramo entre Lugo e Ourense.

Vemos o inicio dos orzamentos pero non vemos tanto a súa execución, que esta sendo boa.

Ademais do AVE, están a favor dun sistema de cercanías na Galiza?

Eu mesmo presentei unha iniciativa no Senado o ano pasado que incluía a Galiza entre os lugares coa necesidade de desenvolver o sistema de proximidade, e sería bo facelo. Tamén sería bo que a Xunta puidese demandalo, e a nosa posición e que isto podería xestionarse desde a Galiza.

O eixo atlántico funciona en certa maneira como un sistema que permite conectar a boa parte da poboación, polo que ten un subsidio de contía parecida á rebaixa na AP9. Nese sentido, unha parte da mobilidade cúbrese por esta vía, o que non quere dicir que non se faga o sistema de cercanías, que sería unha mellora notábel. 

No que atinxe á AP9, están dispostos a votar a favor da transferencia á Galiza? 

Desde o PSdeG sempre estivemos a favor de que se producira esta transferencia. O que hai que ver son as condicións, e isto debería facerse a través dun procedemento de negociación entre Gobernos  na comisión de transferencias. 

Por que non apoiaron as emendas ás contas que permitían a intervención pública de Alcoa? 

Isto non é un tema de orzamentos nin hai que resolvelo no trámite das contas. Os partidos que puxeron isto como unha condición para apoiar os orzamentos trabúcanse. Os orzamentos son doados de apoiar desde unha perspectiva progresista e galega. É un pretexto para non comprometerse cuns orzamentos que benefician a Galiza.

Nós estamos a favor de que Alcoa continúe operando na Mariña nas mellores condicións e imos facer todo o posíbel para que isto sexa así. Mais non creo que a intervención pública sexa a maneira nestes momentos, nos que hai que apurar as negociacións.

Retos para a segunda parte da lexislatura

“Non debemos esquecer que a pandemia segue presente e hai que protexer os cidadáns dos seus efectos, apurando a vacinación”, destaca Leiceaga no que atinxe aos principais retos dos vindeiros dous anos, até que remate o mandato parlamentar. Ademais, sostén que agardan convencer "as persoas reticentes a vacinarse para evitar a transmisión do virus”.

Tamén fai un chamamento a "completar o esforzo das reformas que está a facer o Goberno estatal, como a do mercado laboral que está pendente, e completar a reforma do sistema de pensións, e se me apuran, o outro conxunto de reformas modernizadoras comprometidas coa Comisión Europea".

Con estes fondos, procedentes do Plan de Recuperación, considera que se poderá “modernizar o sistema económico e garantir un incremento de produtividade e por tanto do nivel de vida a medio prazo”.

Comentarios