ENTREVISTAS ELEITORAIS/XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA

"Nós non dicemos que defendemos o Estatuto actual. Defendemos a súa reforma"

Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) ve dúas cousas no tramo decisivo da campaña. Primeiro, nervos no PP. Segundo, progresiva reactivación do eleitorado do PSOE. Aposta en liderar o voto progresista e non lle preocupa, afirma, que En Marea se inspire nas propostas socialistas "en materia de autogoberno e noutras tamén".

Xoaquín Fernández Leiceaga
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga

-Como cualificarías o desenvolvimento da campaña até agora? Vela fría? Que receptividade están a ter as vosas propostas?

-O PP tivo toda a intención do mundo de enfriar a campaña, non?, até aí dous ou tres días, coa sensación de que con iso chegaba para ter un resultado positivo para eles. Eu creo que desde o mércores da semana pasada, debe ser que os dados que manexan lles dan mal, pois están intentando meter máis ruído na campaña e iso vai contribuír a avivala. Pola nosa parte, home, eu detecto´, desde realmente catro ou cinco días para aquí, unha progresiva atención da xente e moito máis entusiasmo por alí onde vamos, máis asistencia aos actos e unha actitude máis positiva por parte dos asistentes. A impresión é que, como ocorre habitualmente, o noso eleitorado estase reactivando cara ao final da campaña, que é bastante frecuente que iso suceda.

-E que retorno tiveche do teu papel no debate da TVG e no da SER?

-Pois ben, sobre todo no da galega, no da SER tiven menos retorno. Do da galega si tiven, en xeral no eleitorado socialista que vai aos mitins, moi positivo, xente que animaba, non?, sobre todo porque crían -non só por min, mais tamén por min, que eran a quen se dirixían- que lle fixéramos dano a Feijóo. Que non saíra indemne e que ficara claro que a súa política fora prexudicial para os galegos.

-Que crédito lle concedes -moito ou pouco- aos inquéritos que se foron publicando até o día de onte, o último en que legalmente podían divulgarse?

-Bastante limitado. Porque cun alto número de indecisos e con ese xogo de non saber se algunhas forzas políticas van entrar ou non e en segundo que provincias... pasar dos dados en bruto digamos ao reparto de escanos paréceme un xogo extremadamente complicado. De feito vimos estes días frecuentes cambios...e logo que cun 42% de apoios o PP teña maioría absoluta, pois se ten que dar unha conxunción de astros para que iso sexa así, sobre todo porque entre as tres forzas da oposición se chega ao 50% dos votos e, ademais, o Bloque entra nas catro provincias. A verdade é que o crédito ten que ser limitado.

Xoaquín Fernández Leiceaga-Nos últimos días é perceptíbel no PP unha especie de opa de Feijóo a Cs, non?

-Si, si, dá a impresión de que o Partido Popular cifra o seu éxito en conseguir atraer votos de Cs. Deu a Xunta unha orde que regula o tratamento idiomático dos cidadáns que se dirixen a ela que claramente ten como obxectivo lanzar unha mensaxe ao eleitorado de Cs. Acabamos de ver en Pontevedra que o PP fai propaganda estritamente en castellano. Aparte dos chamamentos directos, hai estes indicios e parece que eles optan por captar votos que poderían ir a Cs e traballar ese flanco.

-En definitiva, concentrar todo o voto da direita no PP.

-Si, si. Cs, en cambio, quere ser unha especie de Pepito Grillo do PP, pero non aspira a nada máis. É unha mala conciencia, pero á vez parece dicer: non vos preocupedes, que ao final goberna Feijóo. Ben, non sei moi ben como se resolverá ese xogo porque está polo medio a dinámica xeral de España, onde o asunto de Rita Barberá, de Soria e tal, pode voltar a afastar algúns eleitores do PP e facilitar que voten Cs. Posibelmente, o xiro táctico de Feijóo ten que ver con isto.

-Que obxectivos se marca o Partido Socialista?

-Non, pois o obxectivo que nos marcamos é ter a presidencia da Xunta derrotando Núñez Feijóo, articulando unha maioría alternativa que sabemos ten de ser plural.

-A día de hoxe sentes o apoio de todo o teu partido? Intúo a resposta, pero teño que perguntarcho...

-Xa, xa, ti tes que perguntarmo e eu teño que contestar, non? [rimos] o sábado, por exemplo, fixemos un acto de igualdade na Coruña onde había persoas con distintas posicións nas primarias para entendernos...viñeron das 4 provincias a colaborar na campaña, podían non facelo, pero viñeron, e eu vexo que isto está normalizándose desde logo.

-Velo progresivamente?

-A ver, non hai moitas oportunidades na campaña para ver isto, mais cando é necesario facer un chamamento para que colaboren, a resposta é positiva.

-Na campaña por un lado digamos que está o polo da recentralización, que sería o PP, e logo estaría o polo do nacionalismo e o soberanismo, que representa o Bloque, e despois como equidistantes aparecerían a Marea e o PSdeG, nunha posición de defensa da tese de que o Estatuto actual non se desenvolveu aínda por inteiro. Estás de acordo con esta caracterización e coa tese de que a Marea está xogando un pouco no voso campo?

-Nós non dicimos que defendamos o Estatuto actual, nós defendemos a súa reforma. Estamos por ampliar o autogoberno, pero tamén por unha xestión máis audaz das competencias que ten hoxe Galiza, facendo un uso máis intenso das posibilidades que ofrece o Estatuto.

-Pois En Marea ten un discurso moi semellante ao voso nesa materia.

-Nesta materia e noutras [ri]. A verdade é que, ben, eu estou contente de que as nosas propostas servan como referencia para sectores políticos que van máis alá do Partido Socialista, iso vai facilitar fraguar unha maioría alternativa despois liderada por nós.

-A unha persoa indecisa que razón lle darías agora para votar PSdeG-PSOE?

-Eu estou dicendo algo nos encontros, nos mitins. Eu creo que a xente progresista non está indecisa entre as políticas que practicou o PP estes anos e que quer practicar, e o que propoñemos nós. Nós representamos unha alternativa ao PP porque queremos reforzar os servizos públicos, estamos a favor da plena exemplariedade institucional e centrámonos na defensa dos sectores produtivos e na criación de emprego de calidade, por dicelo así en termos xornalísticos. Portanto, se non están indecisos entre as políticas do PP e as que nós propomos, que nos voten, porque nós temos ademais a capacidade de transformar as boas intencións en accións políticas efectivas através do DOGA.

-Que cres que se xoga Pedro Sánchez nesta campaña?

-Eu creo que o que nos xogamos todos é que Galiza é posíbel no futuro e iso é o máis importante, non?

-E que te xogas ti?

-Pois algo parecido. Eu fixen o meu retorno á primeira liña da política para poder liderar Galiza desde o Partido Socialista. Iso é o que nos xogamos todos. Eu tamén.

Comentarios