Néstor Rego: "O Goberno de coalición non mellorou de forma significativa o trato á Galiza"

A lexislatura no Estado achégase ao seu ecuador e Nós Diario conversa co portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego (O Vicedo, 1962), sobre a situación da Galiza a dous anos do acordo de investidura entre BNG e PSOE. Hai unha semana, foi o único deputado que se abstivo na votación dos orzamentos ao velos insuficientes para a Galiza.
O deputado nacionalista Néstor Rego valora a situación da Galiza no ecuador da lexislatura (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado nacionalista Néstor Rego valora a situación da Galiza no ecuador da lexislatura (Foto: Arxina)

—Asegurou que o BNG tería votado a prol dos orzamentos do Estado de contemplaren a intervención pública temporal de Alcoa. Por que non aparecen partidas para ese fin cando era un compromiso de todas as forzas galegas?
O compromiso, realmente, é do BNG. A votación dos orzamentos demostrou que as outras forzas xogan de maneira moi demagóxica e hipócrita neste asunto. Son capaces de participar pola mañá, como o PP, na mobilización na Mariña e pola tarde votar en contra dun plan industrial para esta comarca. PSOE e Podemos son capaces de dicir que apoian as traballadoras e traballadores de Alcoa e despois votar co PP en contra da súa intervención. 

E hai que aclarar que nin sequera se trataba de partidas. A nosa emenda incluía unha partida para a disposición pública da fábrica mais estabamos dispostos a transformala nunha disposición adicional que estabelecese a obrigatoriedade para o Goberno español de proceder á intervención. 

PSOE, Podemos e PP teñen que explicar aos traballadores e á veciñanza da Mariña por que votaron en contra cando saben que a intervención é a única solución.

—Nos orzamentos para 2022 medra o investimento territorializado na Galiza. Por que considera insuficiente o incremento?
Porque a Galiza leva décadas infrafinanciada en infraestruturas. Hai un déficit histórico que non se compensa co incremento deste ano. Non compensa a inxustificada baixada nos orzamentos de 2021, que avaliamos como unha clara discriminación á Galiza, nun contexto en que subiu o investimento en 70% e na maioría de comunidades creceu por riba de 50%. Porén, na Galiza baixou 11%, perdendo 104 millóns de euros en relación cos anteriores orzamentos do PP. 

En infraestruturas ferroviarias Galiza é practicamente a única comunidade que non ten servizo de proximidade. Temos unha rede ferroviaria interna en moitos casos obsoleta e falta aínda a comunicación Santiago-Lugo, completar o Eixo Atlántico polo norte e polo sur... Por tanto, é necesario que se compense ese déficit histórico con un incremento do investimento. 

Ao Goberno éncheselle a boca falando de transición ecolóxica e isto implica apostar por un modelo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel como é o ferrocarril. Mais isto non o fixo até o de agora o Goberno español na Galiza. Para alén de que chegue o AVE -con 30 anos de atraso- a maioría o que quere é poder moverse todos os días en desprazamentos obrigados, e iso non o permite a rede ferroviaria que temos na Galiza. 

—O Goberno de coalición está ás portas do ecuador da lexislatura. Como valora estes dous anos?
A lexislatura comezou moi positivamente co acordo de investidura que logrou o BNG e que supón pór no papel a solución a moitos dos problemas do país. É verdade que hai pouca dilixencia por parte do Goberno español para cumprir este acordo, aínda que algunhas cuestións foron saíndo adiante: aí están as rebaixas e bonificacións na AP-9. Si é vedade que, en xeral, o Goberno de coalición non mellorou de forma significativa o trato ao noso país, o exemplo son os orzamentos de 2021 e a falta de interese para mellorar os de 2022. 

—Chegamos a ese ecuador e non foron derrogadas nin a 'lei mordaza' nin a reforma laboral do Partido Popular.
Non houbo unha aposta decidida polas políticas sociais. Este Goberno xoga ben á propaganda pero non actúa coa mesma axilidade á hora dos feitos. Pretende facer pasar por derrogación da reforma do PP das pensións o que en realidade é unha consolidación dos aspectos máis lesivos das reformas anteriores: novos recortes nas pensións pola vía de manter a idade de xubilación aos 67 ou de aumentar o período de cálculo de 25 para 35 anos.

Aínda non derrogaron a reforma laboral nin é efectiva a derrogación da lei mordaza. A proposta que coñecemos consensuada entre PSOE e Podemos non supón unha derrogación dos aspectos máis lesivos da lei mordaza. 

Cando un Goberno que se di de esquerdas fai políticas similares ás que podería facer a dereita, está alimentando as expectativas da dereita de volver ocupar o poder. 

—No Congreso están a traballar na futura Lei de memoria. Vostede xa avanzou que é insuficiente. En que aspectos?
O proxecto que se presentou é decepcionante en moitos aspectos e así o valoraron as asociacións do ámbito da memoria histórica porque non acaba coa impunidade do franquismo, non abre os arquivos á investigación e non repara no sentido de que poida haber unha anulación das decisións e sentenzas políticas do franquismo con reparación ás vítimas, incluso con responsabilidade patrimonial. E por esa razón o BNG presentou numerosas emendas. Veremos cal é o resultado. 

É necesaria a derrogación da Lei de amnistía, polo menos dos apartados E e F do artigo 2. A emenda conxunta de PSOE e Podemos non vai até aí e simplemente fai referencia a que todas as leis españolas, incluída a de amnistía, deben interpretarse ao amparo do dereito internacional, pero iso xa se podía facer até o de agora e o resultado xa vimos que foi cero por parte dos tribunais españois á hora de non xulgar e nin sequera investigar os crimes do franquismo. Estamos diante dunha oportunidade de avanzar, pero dependendo da posición que manteñan PSOE e Podemos poderiamos estar diante doutra oportunidade falida. O BNG traballará para que iso non sexa así. 

O horizonte republicano dun BNG cohesionado

"A Galiza será máis pronto que tarde una república libre e soberana". Estas palabras de Rego pronunciadas hai unha semana no Congreso xeraron polémica na prensa conservadora, que acusou o deputado de contradicir a liña da Asemblea Nacional que o BNG realizou en novembro. Porén, a República galega figura na carta de principios políticos recollida nos textos da Asemblea Nacional.

"O BNG defende desde a súa fundación a soberanía da Galiza e é unha forza republicana, por tanto non hai ningunha novidade", afirma Rego. "A teórica sorpresa dalgúns medios dá a impresión de que responde a alimentar unha campaña mediática do PP, e o que reflicte é o seu nerviosismo polo crecemento do BNG". A pretensión de presentar estas campañas como discrepancias internas "son absurdas", di, "pois todo o mundo sabe que o BNG é unha forza absolutamente cohesionada".

Comentarios