Iolanda Veloso exercerá a portavocía do BNG de Vigo após a demisión de Domínguez

O voceiro municipal do BNG de Vigo, Santi Domínguez anunciou a súa demisión esta quinta feira, da que dixo "é dunha decisión persoal". Iolanda Veloso asumirá a portavocía do grupo municipal.
Santi Domínguez e Iolanda Veloso
photo_camera Santi Domínguez e Iolanda Veloso

O nacionalista Santi Domínguez formalizou esta quinta feira a súa demisión e anunciou que será a até o de agora vice-voceira, Iolanda Veloso, quen asuma a portavocía a partir de agora de acordo coa decisión do consello local do BNG.

"Por hixiene democrática" e "honestidade política", asegurou o ex-voceiro do Bloque, Santi Domínguez, que adoptara a decisión de demitir da súa responsablidade, unha cuestión que xa achegara aos organismos do BNG pouco despois de se coñeceren os resultados electorais das municipais de 2011. Domínguez asegurou que desde entón "tiña moi claro" cal debería ser o traxecto a seguir na súa renuncia e que este debía agardar ás eleccións nacionais e á presentación dos Orzamentos.

Domínguez: "Creo que é o momento axeitado para que eu dea un paso atrás”

Refutando calquera malestar no seo da organización, o ex-voceiro vigués fixo saber que hai quince días que trasladou a súa decisión ao consello local da organización frontista mais que este lle pedira "por unanimidade" que o (re)pensase. Neste senso, o nacionalista expresou en comparecencia de imprensa o seu "orgullo polo traballo" desenvolvido desde o grupo municipal ao longo dos seis anos que exerceu como portavoz. Domínguez asegurou que continuaría como concelleiro até que remate a lexislatura pois entende que pode seguir aportando importantes achegas á cidade ao tempo que servir de apoio á nova voceira durante "esta nova etapa", explicou.

"É unha gran compañeira e unha gran persoa"
Iolanda Veloso exercerá a partir desta mesma quinta feira como voceira do grupo municipal. Domínguez asegurou marchar "moi tranquilo" ao considerar que a portavocía nacionalista "non podía quedar en mellores mans". Pola súa banda, Veloso agradeceu "o esforzo" amosado polo ex-voceiro ao longo desta media ducia de anos e asegurou que continuará coa mesma liña política que o BNG vén mantendo durante os últimos anos.

A xa voceira nacionalista aseverou que a súa formación ten "moi clara a función do BNG no concello de Vigo" e subliñou que o seu obxectivo é "continuar a ser a voz da cidadanía".

Comentarios