César A. Mogo (PSOE)

"Hai que facer unha reforma constitucional do Senado como Cámara territorial"

César Alejandro Mogo é o candidato número 1 do PSdeG ao Senado por Lugo.
César Mogo aspira a revalidar o seu escano no Senado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera César Mogo aspira a revalidar o seu escano no Senado. (Foto: Nós Diario)

—Repite como candidato ao Senado. Que destacaría do seu traballo na pasada lexislatura?
Fun presidente da Comisión de Defensa, unha actividade nova e intensa pola guerra en Ucraína. Foi especialmente grato ser ponente da lei Loreg para restituír o voto aos emigrantes, retirado en 2010. Tamén levei unha moción para ampliar o dereito de nacionalidade aos netos dos nosos emigrantes, moi importante para min como fillo e neto de emigrantes. 

—A chegada de Feixoo a Madrid e os cara a cara no Senado con Sánchez marcaron novas dinámicas na Cámara neste ano?
Cambiou a atención mediática unha terza feira ao mes. Ao principio Feixoo pedía comparecencias de Sánchez, a partir do primeiro deixou de pedilas, non saía ben parado. Eran os únicos momentos nos que o víamos no Senado. Non participou en nada, procuraba ir votar aínda que tamén faltou a algunhas votacións.

—Vostede ten ampla formación e experiencia política e institucional. Fallou a estratexia do PSOE no Goberno?
Estiven na administración Zapatero de xefe de gabinete de dúas Secretarías de Estado e do ministro da Presidencia, Ramón Jáuregui. No primeiro ano de Sánchez fun director de Asuntos Institucionais. Non creo que a estratexia estea equivocada politicamente, hai unha lección sobre a necesidade da presenza nos medios do presidente moito máis directa. O PSOE sempre foi un partido permeábel a aprender dos erros.

—Vistas as enquisas e a marcha da campaña, cal será o resultado máis probábel o 23 de xullo?
Creo que hai unha maioría de centro-esquerda. Historicamente cando se mobiliza o electorado progresista suma máis que o electorado de dereitas. O problema o 28-M foi a división de forzas. A chave está na fragmentación do electorado e nos que quedaron na casa, sumando iso hai unha expectativa real de que o PSOE gañe as eleccións e haxa maioría para gobernar, estou convencido. Penso que Feixoo vai perder, as últimas alianzas explícitas coa extrema dereita cambian o escenario. Non o vexo o líder consistente que presumía ser.

—O 24 de xullo se vostede repite coma senador, que levará na carteira coma primeiras iniciativas para que Galiza estea presente no Senado?
Vou levar o meu empuxe en materia de infraestruturas, industria e rural. O Senado debe gañar como Cámara de presenza territorial. Debería haber unha reforma constitucional para potenciar o Senado no sentido do Bundesrat alemán. Esta reforma permitiría aos Gobernos autonómicos moita máis presenza. O gran traballo do Senado debería ser ese.

Comentarios