José M. Barreiro (PP)

"Hai principios aos que non imos renunciar, pero Vox é un partido constitucional"

José Manuel Barreiro Fernández é o candidato número 1 do PP ao Senado por Lugo.
José Manuel Barreiro é senador por Lugo desde o ano 2008. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Barreiro é senador por Lugo desde o ano 2008. (Foto: Nós Diario)

—É senador desde 2008, como viviu a chegada de Alberto Núñez Feixoo a Madrid?
Foi tremendamente positivo para o partido, e vai ser moi positivo para o país. Alberto é un líder que transmite moita confianza. Unha persoa con experiencia de xestión como ninguén a ten, nin o presidente do Goberno. Unha persoa cunha capacidade política acreditada por catro maiorías absolutas na Galiza e uniu o partido, está 
moi forte.

—Foi concelleiro, conselleiro, vicepresidente da Xunta e contrincante de Feixoo na sucesión de Fraga…
Contrincante moi pouco tempo. Foi positivo que nos puxéramos de acordo. O que veu despois demostrou que foi un acerto que el asumira ese liderado. Hoxe está liderando o partido e vai ser o próximo presidente.

—O Senado é un retiro dourado?
O Senado ten mala prensa, pero non é un retiro dourado. O Senado en España ten unha función moi importante: actuar como cámara territorial. O Estado precisa unha cámara que artelle o debate territorial. Veuse cando foi do artigo 155, se non houbera o Senado habería que inventalo. Pero non é suficiente. O PP leva no programa o desenvolvemento dos debates territoriais no Senado. 

—Feixoo é senador por designación autonómica pero non defendeu unha soa iniciativa relativa á Galiza…
Feixoo veu a través dun procedemento perfectamente legal. Non só cumpría a función de defender o interese da Galiza senón tamén o interese do país. Non podemos esquecer que é o líder do principal partido da oposición. Polo tanto el asumiu tamén ese papel no Senado.

—Que lle parecen as alianzas do seu partido coa ultradereita?
Feixoo aspira a unha maioría suficiente para gobernar en solitario. É posíbel, pasou en Andalucía, en Madrid e catro veces seguidas na Galiza. Chegamos a acordos nalgunhas autonomías con Vox e con outras forzas. Facilitamos gobernos e impedimos, a cambio de nada, que os rupturistas de Bildu puidesen estar en gobernos.

—A violencia machista, o cambio climático, as autonomías…Está vostede cómodo co discurso de Vox a respecto destes asuntos?
Non é cuestión de comodidade. O PSOE formula un esquema absurdo polo que eles pactan con quen estimen e o PP non pode pactar con ninguén. Iso lévanos a que se o PSOE non gaña hai que repetir eleccións até que gañe. Gobernar en solitario é un obxectivo razoábel e posíbel. Hai unha serie de principios aos que nunca imos renunciar e cousas nas que non coincidimos pero iso non invalida que Vox é un partido constitucional.

Comentarios