As rebaixas de impostos fan perder á Xunta 2.063 millóns en catro anos

A fortuna media de 7.646 galegas e galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o Patrimonio é de 6 millóns de euros, practicamente o dobre da media estatal.
O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento no debate do teito de gasto. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento no debate do teito de gasto. (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza perdoou 2.063 millóns de euros en impostos nas catro últimas anualidades. Segundo os datos achegados pola Consellaría de Facenda, estas bonificacións fiscais ficaron en 448 millóns de euros en 2020, en 501 millóns no ano 2021, en 522 millóns en 2022 e alcanzarían este ano, segundo se estima no informe económico dos Orzamentos para 2023 da Xunta da Galiza, 592 millóns. Neste sentido, a contía das exencións tributarias impulsadas pola Administración galega representan 16,3% do orzamento en curso, fixado en 12.620 millóns.

As bonificacións fiscais aprobadas pola Xunta da Galiza non benefician por igual todos os niveis de renda. Así, en 2023, entrou en vigor unha rebaixa no Imposto sobre Patrimonio, tributo cuxa competencia corresponde na súa totalidade á Administración galega.

Neste caso, a medida favoreceu 7.646 persoas, cun patrimonio superior a 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual até 300.000 euros, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros. Neste sentido, o Goberno galego estima unha caída na recadación por este concepto de 34 millóns.

A fortuna media de 7.646 galegas e galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o Patrimonio é de 6 millóns de euros, practicamente o dobre da media estatal. As millonarias e millonarios galegos ocupan o segundo lugar en canto a riqueza entre os contribuíntes por este gravame no Estado español, colocándose a continuación os residentes nas Illes Balears, cun patrimonio de 3,9 millóns de euros.

Comentarios