Galiza Nova rende homenaxe a Rosalía e Castelao máis un ano
Na véspera do Día da Patria Galega, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, reivindicou como todos os anos no compostelán Parque de Bonaval dúas das figuras máis importantes da historia galega: Rosalía de Castro e Daniel Castelao, dous "símbolos e exemplos para toda a mocidade que día a día loitamos polos dereitos que nos pertencen".
Nesta edición, Galiza Nova contou ademais coa presenza das organización xuvenís internacionais convidadas, que decidiron acompañar a mocidade nacionalista galega nestes días.
Intervencións
O acto contou coas intervencións políticas de Iago Mosquera, responsábel de Galiza Nova na Coruña, Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, e Noa Presas, deputada e membro da Executiva Nacional do BNG. Ademais o público puido gozar da actuación musical da banda Deninghures.
Iago Mosquera destacou o orgullo que supón para el militar en Galiza Nova “Como novo militante, para min é un orgullo estar hoxe aquí presentando esta homenaxe dúas figuras ilustres da nosa historia, que marcaron un camiño que nós, como galegos, temos o deber moral de continuar”
Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, fixo énfase no importante papel da mocidade galega e animou a todas as mozas e mozos deste país a manter vivo o legado de Rosalía e Castelao. Indicou que “sabemos que non virá de fóra nin remedio nin esperanza e que a Galiza que queremos debemos construíla desde aquí” e finalizou indicando que “somos o motor do cambio que precisa este país, somos as que desde o presente loitamos e traballamos para garantir o noso futuro, para garantir esa Galiza ceibe na cal todas sexamos libres e iguais.”
Pola súa parte, a deputada do BNG, Noa Presas animou as mozas e mozos de Galiza Nova a non baixar os brazos e a seguir loitando polos intereses da mocidade galega como levan facendo máis de 35 anos.
“É nos contextos difíciles onde a mocidade debe actuar e ser determinante” destacou Presas, “sodes a forza máis que necesaria para facer que o noso país avance e siga avanzando día a día, a que fará que cheguemos todo o lonxe que nos propoñamos”.
Para rematar o acto, tivo lugar a tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía e de Castelao.