POLÍTICA

Galicia en Común avanza medidas legais contra as eleccións se poñen "en risco" a saúde da cidadanía

Antón Gómez-Reino na rolda desta cuarta feira (Galicia en Común).
"Utilizaremos todos os mecanismos legais do Estado de Dereito para garantir que as eleccións se celebran cando non se poña en risco a saúde da cidadanía", asegurou o portavoz da coalición, Antón Gómez-Reino.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, compareceu esta tarde en rolda de prensa para salientar que "é unha absoluta irresponsabilidade pensar en convocar un proceso electoral" neste momento e avanzou que a coalición tomará medidas legais se o presidente da Xunta impón as urnas en xullo. "Búrlase da dor e o sacrificio dun país enteiro. Este é o luto do señor Feixoo?", dixo.

"Utilizaremos todos os mecanismos legais do Estado de Dereito para garantir que as eleccións se celebran cando non se poña en risco a saúde da cidadanía, cando existan plenas garantías democráticas. Nunca as eleccións no noso país poden estar por enriba da vida e nunca a estratexia partidista pode estar por enriba da saúde pública", asegurou Gómez-Reino.

"Feixoo quitouse a máscara do electoralismo e a máscara que debería levar para protexer ás galegas contra a epidemia da COVID-19 e contra a crise económica", engadiu.

Gómez-Reino advertiu que as eleccións galegas só poderán celebrarse "cando non se poña en risco a saúde dos cidadáns e cando existan plenas garantías democráticas de que ninguén deixa de pedir o voto, de decidir a súa opción de voto ou de ir votar por medo a contaxiarse ou por estar enfermo".

"A nós non nos vai contaxiar a súa irresponsabilidade", subliñou o portavoz, quen considerou "lamentábel" que o presidente da Xunta incumprira o acordo asinado co resto de forzas políticas galegas para suspender os comicios previstos para o 5 de abril, acordo que incluía o compromiso de consensuar a data definitiva dos mesmos. "A esta hora non temos comunicación algunha ao respecto", concluíu.