O número de casos activos de coronavirus na Galiza descende a 2.179

Traballadoras sanitarias atenden pacientes de coronavirus (Europa Press).

A cifra de vítimas é de 601.

O número de casos activos na Galiza continúa a reducirse. Son actualmente 2.179, o que supón 143 menos que na xornada de onte e , de compararmos coa segunda feira, ese descenso foi de 452. Baixan os casos activos e tamén baixa o número de persoas hospitalizadas mentres aumenta o de persoas curadas da COVID-19. Tristemente, a cifra de vítimas mortais polo virus abeira xa ás 600.

Os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, dese número de casos activos de coronavirus na Galiza 532 son da área da Coruña, 124 da de Lugo, 333 da de Ourense, 110 da de Pontevedra, 565 da área de Vigo, 436 da de Santiago, e 79 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 permanecen en UCI, o que supón 3 menos ca onte, 144 están en unidades de hospitalización (22 menos) e 2.013 no domicilio (esta terza feira eran 2.131).

Polo de agora, indican desde a Xunta, na Galiza hai un total de 7.996 persoas curadas, rexistrándose 601 falecementos.

O número de PCR realizadas até o de agora é de 118.665, o que é 1.600 máis nas últimas 24 horas

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 465 casos activos, dos que 289 son de persoas usuarias mentres que 176 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, son 269: 132 en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.