Feixoo pon a alfombra vermella para as eleccións galegas en xullo

Núñez Feixoo afirma que os informes sanitarios e xurídicos recomendan ir a eleccións antes do verán. Convoca para esta quinta feira unha xuntanza coas forzas da oposición.

As eleccións galegas estaban previstas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)
photo_camera As eleccións galegas estaban previstas para o 5 de abril (Imaxe: Polaris / Contacto)

As eleccións galegas adiadas o 5 de abril serán en xullo. Esa é a intención do presidente da Xunta, que compareceu hoxe para dicir que os informes sanitarios e xurídicos encargados sobre a data dos comicios recomendan que se vote antes do verán e para anunciar que convoca á oposición a unha xuntanza mañá, quinta feira, para tratar este tema.

Que Feixoo tiña gana de que as eleccións fosen en xullo non é nada novo. Hai semanas que ao presidente da Xunta se lle ven as intencións, máis aínda desde que Iñigo Urkullu movera ficha e afirmara que quería que os vascos e vascas votasen en xullo.

“Temos que tomar a decisión xa”, dixo o presidente hoxe, resumindo as posibilidades en dous escenarios: ou votar antes do verán, en xullo, ou ben ir a despois de setembro. Aquí indicou que os informes encargados a expertos sanitarios e xurídicos recomendan que se vote “axiña”.

O presidente que se negou a pedir a blindaxe de Galiza ou o feche de Madrid cando ese territorio era o principal foco de infectadas, alega agora o perigo de que no verán veñan a Galiza habitantes de territorios moi expostos ao coronavirus para xustificar que se vote en xullo.

Competencia

"Convocar eleccións é unha competencia indelegábel do presidente", lembrou Feixoo, que anunciou que mañá manterá unha xuntanza coas forzas da oposición para abordar a data dos comicios. Evitou pronunciarse sobre o día concreto en que serán os comicios, alegando que debe escoitar á oposición, mais o calendario é claro: a estas alturas, os prazos fan que teña que ser 12, 19 ou 26 dese mes.

Até hai uns días Feixoo defendía en público que as eleccións non estaban "na axenda"e que o principal era centrarse na loita contra a pandemia. PSdeG; Galicia en Común e BNG reprochábanlle que esas palabras non se correspondían coas présas do presidente para aparentar unha "normalidade" que xustificase poder votar antes do verán.

"Os informes de expertos din que hai máis garantías antes do verán que despois do verán", sostivo hoxe Feixoo en varias ocasións. "Escoitarei a oposición e tomarei unha decisión", acrecentou. Unha decisión que el tiña tomado xa hai bastantes días

Estudo

Na súa intervención, o presidente da Xunta referuse ao estudo no que o Sergas vai facer 100.000 tests. A primeira vaga de probas, 50.000. xa rematou e Feixoo indicou que mostran que "só 1 de cada 100 galegos e galegas estivo ou está en contacto co coronavirus".

"Estamos máis expostos a un rebrote", sobre todo, recoñeceu, coa chegada de habitantes doutros territorios do Estado a Galiza nos meses de verán. Un argumento que agora lle val por intereses electorais e que no seu día criticou con dureza

Comentarios