A galega Pilar Cancela será a nova secretaria de Estado de Migracións

A até agora secretaria de Estado de Cooperación Internacional,pasará a ocupar o cargo secretaria de Estado de Migracións dependente do Ministerio de Inclusión.
Cancela no encontro 'Acelerando la localización de la Agenda 2030', no Instituto Cervantes de Madrid. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
photo_camera Cancela no encontro 'Acelerando la localización de la Agenda 2030', no Instituto Cervantes de Madrid. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)

A até agora secretaria de Estado de Cooperación Internacional, a socialista galega Pilar Cancela, pasará a ocupar o cargo secretaria de Estado de Migracións dependente do Ministerio de Inclusión, que dirixe Elma Saiz.

Fontes socialistas confirmaron a información avanzada por eldiario.es e que a que fose presidenta da xestora do PSdeG após a dimisión no seu día do José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral -previamente foi a súa secretaria de Organización- porase á fronte de Migracións nesta nova etapa do Goberno que dirixe Pedro Sánchez.

Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) é licenciada en Dereito e ten título superior de Prevención de Riscos Laborais. Exerceu como mediadora e foi directora Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia (2002-2003 e 2005-2009). É funcionaria do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galiza desde 1993.

 

Convención política 

Precisamente, este sábado o PSOE compostelán elixiu delegación para a convención política autonómica do PSdeG que terá lugar os días 16 e 17 de decembro co obxectivo de sentar as bases do ideario da formación para as eleccións autonómicas nas que Besteiro será o candidato a presidir a Xunta.

A delegación estará formada por integrantes da comisión executiva municipal, do grupo municipal, a deputada na Cámara galega Noa Díaz e Pilar Cancela.

O secretario local dos socialistas, Aitor Bouza, remarcou a confianza do partido nas posibilidades de Besteiro fronte a un PPdeG, que terá ao actual presidente, Alfonso Rueda, como candidato, cuxo "nerviosismo desquiciante" constatou: "O único que propón aos galegos e galegas é crispación". 

Comentarios