Formoso: "Temos que deixar de lado calquera diferenza para pornos a traballar "

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrouse "esperanzado" de cara ás próximas eleccións municipais, polo que instou os socialistas a "envorcarse" e a "deixar ao carón calquera diferenza" para porse a traballar "por un obxectivo común".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional do PSdeG.
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional do PSdeG.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, mostrouse "esperanzado" de cara ás próximas eleccións municipais, polo que instou aos socialistas a "envorcarse" e a "deixar de lado calquera diferenza" para porse a traballar "por un obxectivo común".

Na súa intervención este sábado no Comité Nacional Galego do PSdeG, Formoso asegurou que socialistas van "gañar as eleccións na Galiza de novo". Neste sentido, afirmou que o farán "a pesar das confrontacións mediáticas, dos intereses económicos e dos escurantismos".

Nesta liña, aseverou que se gañan as municipais terán tamén "a posibilidade de non renunciar a Galiza". "Non imos renunciar a nada. Necesitamos gañar as municipais para ser un país ambicioso", reflexionou.

"Aspiramos a ser representantes dun pobo ao que lle debemos todo, por tanto, imos dalo todo nestas eleccións. Estamos moi esperanzados nelas. Imos envorcarnos e pídovos que nos envorquemos nun proceso no que temos que deixar de lado calquera diferenza para pornos a traballar por un obxectivo", indicou Formoso ante a presenza, entre outros, do exsecretario xeral, Gonzalo Caballero, ou do deputado Martín Seco, sobre quen o PSdeG solicitou a Ferraz unha orde de expulsión.

Así mesmo, o líder dos socialistas galegos manifestou que o PSdeG "non é un fin en si mesmo", senón "un medio para obter unha mellor sociedade". "Non debe ser unha aventura persoal, debe ser unha aventura na que todas e todos consigamos o obxectivo de mellorar a vida da xente", concluíu a súa intervención. 

 

"A columna vertebral do país"

Por outra banda, Formoso reivindicou ante o Comité Nacional que o PSOE leva "40 anos sendo a columna vertebral" do país. Así, pediu ser conscientes de que xa non traballan "para os máis desfavorecidos", xa que "o 40% da xente que traballa está en risco de exclusión social".

Neste sentido, afirmou que os socialistas galegos representan "a bandeira da protección dos servizos públicos básicos en Galicia", especialmente, "a defensa do sistema sanitario público galego" que considera que está a ser "atacado e deteriorado intencionadamente" polo PP.

"Asistimos cada día a un titular de prensa, a unha situación rocambolesca que indica a deterioración clara no sistema público galego; asistimos a dimisións permanentes e constantes en cada un dos hospitais galegos; e asistimos a unha deterioración clara do sistema de Atención Primaria", exemplificou o líder dos socialistas galegos.

Ademais, reivindicou o papel do PSdeG para exercer de "Goberno na sombra" en ámbitos como o industrial ou ante o veto á pesca de fondo, así como para demandar o Corredor Noroeste ou infraestruturas ferroviarias como o tren a Lugo ou a liña ferroviaria Betanzos-Ferrol.

Nesta mesma liña, aseverou que os socialistas tamén puxeron como "sinal de identidade" a AP-9, unha infraestrutura "chave" na Galiza.

Sobre isto, insistiu en que o PSdeG esixe "a rebaixa das peaxes da AP-9" e reclama a transferencia da titularidade de "a principal estrutura viaria" da Galiza.

 

Comentarios