Pontón lamenta a "gravísima" situación da sanidade pública e Formoso ve un "Amazon sanitario"

As forzas da oposición cargan duramente contra a proposta do Goberno galego de que os centros de saúde poidan prestar servizo sen persoal médico.
Ana Pontón e Valentín González Formoso. (Fotos: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Valentín González Formoso. (Fotos: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, declarou esta quinta feira, durante a presentación pública do candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que a situación da sanidade pública galega "non é grave, é gravísima".

"Estamos a ver como se quere que nos PACs non haxa ningún médico para atender as urxencias. Isto é directamente pór en risco a saúde e a vida dos galegos. É unha tremenda irresponsabilidade o que está a facer o PP, que leva 13 anos de demolición da sanidade pública e esta é a última volta de porca", criticou Pontón.

A líder do BNG considera que o PP ten que retirar de inmediato a súa proposta "coa que deixará de contar con médicos nos PACs", apoiar as emendas que vai presentar o BNG para reforzar a atención primaria con 200 millóns de euros, para contratar máis especialistas e "deixar atrás os recortes" e apostar na sanidade pública, que é "a maior conquista da cidadanía".

"Pídolle ao presidente da Xunta [Alfonso Rueda] que deixe de xogar coa saúde dos galegos, porque é o que fai cando pretende pór en marcha un lugar ao que acudir por unha urxencia onde non hai médicos. É algo inaudito e temos que paralo porque é unha irresponsabilidade", sentenciou.

Un "Amazon sanitario"

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, botou man da ironía esta quinta feira para criticar a xestión sanitaria da Xunta, e acusou o PP de Rueda de "implantar un Amazon sanitario" na Galiza, pola "desmotivación" e a "precariedade laboral" que sofre o persoal do Sergas.

Nunha rolda de prensa ofrecida desde a sede do PSdeG en Santiago, Formoso lamentou que "moitos enfermeiros" do Sergas teñen "menos estabilidade laboral que un mozo de almacén" do xigante estadounidense. Aliás, o modelo de "atención a distancia" é "igual" que o de Amazon cos seus clientes, "cos que non ten unha relación directa" porque "todo é 'online'".

Neste contexto, o líder dos socialistas galegos fixo súa a "enorme preocupación" manifestada nas últimas horas polo Consello de Colexios Médicos da Galiza, que mostrou a súa "máis enérxica oposición" aos "atallos ilegais, ineficientes e temerarios" da Consellaría de Sanidade para que os enfermeiros atendan nos puntos de atención continuada (PAC) cando non hai facultativos na quenda.

Para Formoso, esta decisión, que polo de agora vai implantarse na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, fai ver a "axenda oculta" da Xunta para "desmantelar o sistema sanitario público universal e gratuíto", que é "o principal alicerce do sistema de benestar español e galego". "En definitiva, estamos a asistir outra vez en Galicia a como a política tributaria e sanitaria diríxese desde a Comunidade de Madrid. É Isabel Díaz Ayuso a que está a dicir a Rueda os impostos que ten que baixar e como desmantelar o servizo público en Galicia", engadiu.

Comentarios