Formoso denuncia o “abandono do rural” por parte da Xunta da Galiza

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou hoxe o “abandono” do rural e o desmantelamento de servizos públicos como a sanidade e a educación.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.(Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, atendendo aos medios de comunicación. (Foto: Europa Press).

O dirixente socialista participou na maña deste sábado en Santiago de Compostela nun acto conmemorativo do Día da Muller Rural, onde reivindicou o modelo de empredemento protagonizado polas mulleres no rural e chamou a apoiar ás súas iniciativas.

O líder do PSdeG  salientou que a muller “busca o seu papel e avanza” no medio rural, onde encabezan 4 de cada 5 proxectos emprendedores, o que valorou como un dato “esperanzador”. Nesta liña, demandou  unha inxección orzamentaria por parte da administración galega para “darlle relevancia ao papel da muller” no rural, onde “a igualdade efectiva aínda non existe”.

Servizos públicos

Formoso reclamou a que a Xunta asuma o rural como “foco de atención” para “reforzar a revolución no eido da ordenación territorial”, garantindo a base territorial para as explotacións agrogandeiras, así como un “mínimo” de rendibilidade pública. Na mesma dirección, reivindicou o “reforzo dos servizos públicos, garantindo o acceso á Atención Primaria e ao ensino público.

O secretario dos socialistas defendeu unha aposta decidida polo mundo rural para garantir o futuro dun sector que “debe de ser a despensa do Estado”, dando amparo a “algo que sentimos como tradición no pobo galego”.

O responsábel do PSdeG contrapuxo a aposta socialista polo medio rural co “abandono” desde a Xunta da Galiza, que ten fechados 138 colexios, e onde “atopamos a toda unha directora xeral do Sergas dicindo que non aspiremos a ter un pediatra en cada centro de saúde”.

Retallos en Atención Primaria

O dirixente socialista denunciou o feche de unidades de Atención Primaria, que “queda reducido a un servizo de atención telefónica”, ao tempo indicou que o transporte rural “está desaparecido e concentrado no eido urbano e metropolitano”.

O secretario do PSdeG advertiu que o Goberno galego está a provocar que “o relevo xeracional nas explotacións agrarias sexa a día de hoxe inexistente” convertendo a situación un “drama” ao estar menos de 4% das explotacións en mans de persoas de menores de 35 anos.

Formoso instou á Xunta a que "incorpore unha cláusula demográfica nas licitacións" da administración, dando prioridade ás empresas que se implanten no ámbito rural e bonificando a aquelas que xeren actividade e postos de emprego.

Comentarios