Valentín González Formoso (PSdeG)

“Coincido con Caballero na maioría das cuestións”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nega que sexa o contrapunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, pois di que “coincido con el na maioría das cuestións, somos compañeiros de ideoloxía”. Porén, admite que non están de acordo na maneira de xestionar “algunhas cuestións”.

gonzalez formoso
photo_camera [Imaxe: Cadena Ser]

“Tampouco coincido ao cento por cento coa miña muller”. Así se despachaba Valentín González Formoso nunha entrevista concedida á Radio Galicia-Cadena Ser cando se lle preguntaba polas diferenzas que ten con Abel Caballero, unhas diferenzas ás que tratou de restarlle importancia.

Así, González Formoso negou que sexa o contrapunto a Abel Caballero, “coincido con el na meirande parte das cuestións, somos compañeiros de ideoloxía”. Recoñeceu non estar de acordo na maneira de xestionar “algunhas cuestións”.

A respeito da situación orgánica do PSdeG, o presidente da Deputación negou que a formación socialdemócrata estea a esperar Gómez Besteiro, do que asegura, “é un militante máis, un amigo no meu caso”. “El está integrado na vida laboral, resolvendo a súa situación xurídica”, afirmou. De aí que considerara “absolutamente impensábel” esperar por el a día de hoxe.

A diferenza da súa homóloga na Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, González Formoso desbotou postularse como líder do PSdeG e sinalou que até o congreso hai tempo para “xerar alternativas interesantes”. Namentres non teña lugar ese conclave, apostou en enriquecer a xestora, “neste momento convulso non hai que botar leña ao lume, non achega nada cambiar unha xestora por outra, si pode achegar enriquecer esa xestora con ganas e capacidade de traballo”.

Preguntado polo labor de Xaquín Fernández Leiceaga no Parlamento de Galiza, o presidente da Deputación da Coruña respondeu que lle pon de nota “un notábel alto”.

Comentarios