O PP presenta á Alcaldía de Samos o fillo do actual rexedor que goberna polo PSdeG

Julio Gallego (o actual alcalde) manifestou a súa intención de continuar até o final de mandato á fronte do Concello de Samos, onde ten a maioría absoluta con cinco concelleiros.
Miguel Gallego, candidato á Alcaldía de Samos polo PP (Foto: PP).
photo_camera Miguel Gallego, candidato á Alcaldía de Samos polo PP (Foto: PP).

Esta quinta feira coñeceuse que o PP fichou Miguel Gallego, fillo do actual alcalde de Samos, Julio Gallego, para encabezar a candidatura neste municipio. Dáse a circunstancia de que o actual rexedor goberna baixo as siglas do PSdeG, mais deixou de pagar a cota de afiliado e confirmou que se retira da carreira do 28M.

O propio Julio Gallego recoñeceu que deixou de abonar a cota de afiliado, o cal foi tamén ratificado pola dirección socialista provincial, que dirixe José Tomé.

Estas mesmas fontes indicaron que isto non implica a baixa automática, para o que debe de ser unha situación sostida.

Julio Gallego manifestou a súa intención de continuar até o final de mandato á fronte do Concello de Samos, onde ten a maioría absoluta con cinco concelleiros.

Preguntado por se hai unidade no Goberno local, restou importancia a posíbeis complicacións posto que apenas quedan tres meses para o decorrer dos comicios.

Ademais, á pregunta de se deixa a política, cinguiu a súa retirada a concorrer como cabeza de lista e respondeu que unicamente decidiu non presentarse a alcalde e que "de momento, non vai en nada", en referencia a ningunha lista. En todo caso, recoñece que houbo contactos cos populares previos a estas decisións e fichaxe.

Julio Gallego tamén se referiu á elección do seu fillo como candidato, que foi escollido "por unanimidade", algo que destacou. Ademais, quixo reivindicar que quen gañou as eleccións en Samos en 2019 "foi unha lista" encabezada con el, en referencia a que as siglas non tiñan relevancia neste caso e, a modo de argumento, destacou que o PP "gaña as eleccións" sempre nesta localidade.

"Eu teño que dicir que as eleccións en Samos, se miras, sempre gaña o PP, non é que se votase ao partido, o PSOE gañaba (as locais) porque se votaba unha lista, polo que representaba, non polo partido en si", manifestou, para remachar, sobre a gobernabilidade até final de mandato: "Sinxelamente, gañeinas eu, (a xente) votou por min. Son o representante dos veciños".

Ademais, o aínda rexedor apelou que, ademais del, tamén deixou a agrupación local a que era secretaria xeral, Pilar Saavedra. "Xa non é militante do partido e eu parei de abonar as cotas", ratificou.

Fichaxe do PP

O PP, pola súa parte, fichou a Miguel Gallego, de 25 anos e fillo do actual rexedor. É propietario dunha gandaría de vacún de carne na parroquia de Renche.

Os populares informaron nun comunicado que a proposta da dirección provincial foi aprobada por unanimidade no transcurso dunha reunión con afiliados, decorrida esta cuarta feira. "O obxectivo é traballar para recuperar a Alcaldía neste municipio, en que o PP non goberna desde 2007", subliñaron.

Comentarios