O PP do Páramo 'absorbe' o partido que lle gañara as eleccións en 2019

"É o mellor para O Páramo, os proxectos que teño en mente facían imposíbel que se puidesen facer como independentes", xustifica o alcalde independente do municipio, que repetirá como candidato este ano, mais co PP.
O alcalde do Páramo, José Luís López. (Foto: Concello do Páramo)
photo_camera O alcalde do Páramo, José Luís López. (Foto: Concello do Páramo)

A agrupación de electores Todo polo Páramo gañou a Alcaldía deste municipio, situado na comarca de Sarria, nas eleccións de 2019 por vez primeira tras 36 anos de goberno 'popular' da man de Gumersindo Rodríguez Liz. Creada ex profeso para concorrer a eses comicios ante a "situación de parálise" na que vían o concello, foi a formación vencedora con 432 votos a favor e catro actas, fronte aos 372 do Partido Popular e os mesmos edís e os 108 sufraxios que lle valeron un concelleiro ao PSdeG-PSOE, chave para desfacer o empate en favor do candidato da agrupación independente, José Luís López.

Catro anos despois, cando restan tres meses para a nova cita coas urnas, o PP busca ante todo asegurar o seu retorno ao poder e para iso optou por 'absorber' a formación que lle roubara a Alcaldía, procedendo a integrar nas súas filas os seus dirixentes, incluído o propio rexedor, que repetirá como candidato encabezando, desta volta, a lista da principal forza da oposición.

Desde o PP provincial de Lugo apuntan que os seus catro edís no Páramo, que manterán até o final do mandato as súas actas como representantes do grupo municipal popular, están "de acordo" con esta alianza.

Pola súa parte, José Luís López defende a súa integración no PP, canda o resto da súa corporación, como unha vía para executar os "proxectos" ideados para o concello que, sostén, eran "imposíbeis como indepedientes".

En declaracións aos medios esta quinta feira após coñecerse que encabezará a lista popular, o actual acalde manifestou que as negociacións co PP foron "longas" e estiveron centradas en cuestións "pensadas" para O Páramo. "É o mellor para O Páramo, os proxectos que teño en mente facían imposíbel que se puidesen facer como independentes. Imos traballar duro", incidiu.

O Páramo pertence ao partido xudicial de Lugo, polo que os seus votos poderían ser decisivos para o PP de cara a disputar o poder na Deputación, actualmente dirixida polo socialista José Tomé en coalición co BNG.

Comentarios