Fernando Otero (Sumar)

"Temos unha candidata, muller e galega, que pode ser a primeira presidenta"

Fernando Otero Bello é o candidato número 1 de Sumar ao Senado por Lugo.
Fernando Bello salienta a "singularidade propia" de Sumar Galicia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fernando Bello salienta a "singularidade propia" de Sumar Galicia. (Foto: Nós Diario)

—A convocatoria electoral do 29 de maio obrigou a apurar Sumar. Satisfeito co acordo logrado a pesar de espiñas como o debate sobre Irene Montero?
En Sumar levábamos tempo co proceso de escoita confeccionando propostas programáticas pero a convocatoria electoral colleunos a contrapé para poder fechar o programa . Ademais, o acordo entre 15 forzas políticas non é doado. Estamos satisfeitos. Foi máis un debate e ruído mediático que interno, os que o vivimos desde dentro non tivemos tempo de estar a outras cousas. Estamos satisfeitos do compromiso e a xenerosidade amosada por todas as partes e convencidos de que hai 
un proxecto.

—Podemos pagou nas municipais os pratos rotos do ruído do Goberno de coalición?
Atopámonos cun momento de retroceso do noso espazo político e vímonos un pouco arrastrados o 28-M por iso. Agora son unas eleccións diferentes, xogámonos moito e temos un proxecto de país que ofrecer aos cidadáns. Temos unha candidata, muller e galega, que pode ser a primeira presidenta do Goberno, cunha bagaxe de xestión, a máis valorada, con capacidade de diálogo demostrada e capaz de chegar a acordos que non son doados.  Medidas coma a suba do salario mínimo ou a mellora da temporalidade na Galiza afectan moitos cidadáns.

—Hai por diante unha campaña intensa polarizada arredor dos pactos para poder gobernar. Que ten que facer Sumar nesta campaña na Galiza para darlle a volta ás enquisas?
Desde Sumar saímos a gañar o país. Temos un proxecto para a próxima década. O obxectivo é mellorar a vida da xente. Xa se lograron moitos avances no social, no feminismo ou no eido laboral. Queremos non quedar aí. A opción PP-Vox suporía retrocesos, mirar cara a atrás. Non queremos que se polarice a campaña co medo nin o ruído porque non son útiles. Estamos aportando á campaña positivismo e propostas que mobilicen  todo o electorado progresista. Na Galiza coñecemos o modelo Feixoo e todas as persoas progresistas queren a Yolanda Díaz de presidenta.

—Se finalmente sae senador para a vindeira lexislatura, que iniciativas leva en mente como primeiras medidas para que Galiza estea presente na política estatal?
A candidatura chámase Sumar Galicia, temos unha singularidade propia dentro de Sumar, certa autonomía porque temos cultura e idioma propio. En infraestruturas non estamos nin perto da media estatal, tampouco no sector primario e a industria. Un goberno do PP non vai tomar medidas como intervir o mercado eléctrico porque gobernan para as elites. 

Comentarios