Análise

Núñez Feixoo volve mirar para Madrid

Malia non dar o paso para suceder a Mariano Raxoi, por falla de apoios na formación e por ser consciente de que se enfrontaba a unha derrota, o mandatario galego non perdía as esperanzas de liderar os populares fronte a un Pablo Casado desgastado tras as sucesivas derrotas electorais. Mais os resultados electorais fecháronlle a porta.
Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, na toma de posesión do presidente da Xunta en setembro de 2020. (Foto Nós Diario)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, na toma de posesión do presidente da Xunta en setembro de 2020. (Foto: Nós Diario)

Alberto Núñez Feixoo nunca deixou de mirar para Madrid. Malia non dar o paso para suceder a Mariano Raxoi, por falla de apoios na formación e por ser consciente de que se enfrontaba a unha derrota, o mandatario galego non perdía as esperanzas de liderar os populares fronte a un Pablo Casado desgastado tras as sucesivas derrotas electorais. Porén, os resultados de Isabel Díaz Ayuso nos comicios madrileños de maio e as novas expectativas de voto para o PP recollidas nas diferentes sondaxes, como consecuencia do retorno do electorado de Ciudadanos á casa grande da dereita, blindaron a candidatura de Casado e fecharon a porta a Feixoo na política estatal.

A guerra aberta entre a presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, e Pablo Casado é unha nova oportunidade nas aspiracións de Feixoo. O mandatario galego sabe que as súas posibilidades de lograr a xefatura do Goberno do Estado pasan por un cambio no actual equipo de dirección que aparte a Casado do liderado do PP.

Neste sentido, o presidente galego é consciente de que a súa fortaleza está outra vez na debilidade de Casado e non dubida en mover ficha nese escenario tan coñecido para el. A este respecto, as súas declaracións deixan poucas dúbidas das súas intencións e desde o PP da Galiza recoñecen que a formación no Estado está nun momento político diferente ao de xuño.

Apoio a Díaz Ayuso

Feixoo foi o único dirixente territorial do PP que defendeu a candidatura de Díaz Ayuso á presidencia do partido en Madrid en plena batalla co aparato de Xénova. Así, interpelado sobre o asunto nunha rolda de prensa, sinalou: “Paréceme normal que un presidente autonómico queira presidir o partido na súa comunidade autónoma”. Engadiu que lle “soprendería” que “fose o contrario” e concluíu afirmando que na súa formación “os presidentes autonómicos son que presiden o partido”.

Ao tempo, o mandatario galego animou outros baróns territoriais, concretamente ao castelán, Alfonso Fernández Mañueco, e ao andaluz, Juanma Moreno, a un xesto na mesma dirección, que non chegou a producirse.

A posición de Feixoo non pasou desapercibida no equipo de Pablo Casado, que mandou mensaxe á Galiza. Porén, esta non fixo ningún efecto no mandatario galego, que insistiu nos seus argumentos e afirmou que “este ruído non é bo para o PP”, nunha sorte de reproche á dirección estatal do partido, a quen os populares galegos culpan da inestabilidade na formación.

Pola súa banda, algúns dirixentes do PP galego próximos a Pablo Casado consideran que as últimas palabras de Feixoo responden á vontade do líder galego de abrir nunha terceira vía entre Casado e Ayuso e deixar clara a súa disposición a encabezar unha alternativa interna á actual dirección do PP.

O presidente da Xunta sábese diante dunha das súas últimas posibilidades e non está disposto a deixala pasar. Aínda así, os cadros populares consultados cren escasas as probabilidades de éxito de Núñez Feixoo e dan por feita a continuidade de Pablo Casado até os vindeiros comicios estatais. 

Comentarios