Feixoo proporá Tellado como portavoz do PP no Congreso

O Comité Executivo do PP, que se reúne o vindeira quinta feira, ratificará estes cambios no organigrama da formación.
O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera O vicesecretario de Coordinación do PP, Miguel Tellado, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O líder do PP no Estado español, Alberto Núñez Feixoo, proporá ao Comité Executivo da formación o nomeamento do ferrolán Miguel Tellado como portavoz parlamentario do Grupo Popular no Congreso.

Carmen Fúnez, pola súa parte, será designada para asumir a nova vicesecretaria de Organización do partido, posto que ocupa agora Tellado, segundo informaron fontes do partido, aínda que outras tamén apuntan que podería ser a coordinadora xeral no canto de Elías Bendodo.

O Comité Executivo do PP, que se reúne o vindeira quinta feira, ratificará estes cambios no organigrama da formación, segundo anunciou o propio Feixoo este domingo, coa idea de contar nesta etapa de oposición cunha nova dirección "ampliada", "rexuvenecida" e "con novas ideas e enfoques".

Tellado xa formaba parte da executiva do partido e é unha das persoas de máxima confianza do líder popular, con quen foi secretario xeral e portavoz cando o dos Peares dirixía o PP na Galiza.

Tellado agradeceu ao líder do PP a confianza polas súas novas responsabilidades. "É un orgullo poder seguir servindo ao primeiro servidor dos españois. Sempre no teu equipo Feixoo", escribiu en redes sociais o deputado galego.

"Seguiremos traballando por facer aínda máis forte o primeiro partido de España. Hoxe, millóns de españois miran ao PP como a única esperanza de convivencia en igualdade e liberdade", afirmou Fúnez pola súa parte, que podería converterse de facto na 'número tres' do PP -por detrás da secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra- se ao final Feixoo non mantén a Elías Bendodo como coordinador xeral do PP.

Comentarios