Feixoo ocupa un escano galego no Senado coa intención de confrontar Sánchez

Analistas políticos xa teñen sinalado que Feixoo non exercería de representante da Galiza, senón que ocuparía este escano para poder confrontar o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.
Alberto Núñez Feixoo presidiu esta semana o seu último Consello da Xunta da Galiza. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo presidiu esta semana o seu último Consello da Xunta da Galiza. (Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Partido Popular proporá ao seu líder estatal, Alberto Núñez Feixoo, como senador de designación territorial despois de que Juan Serrano presente a súa renuncia ao cargo esta segunda feira, 9 de maio.

Así o avanzaron fontes do PP, que subliñaron que desta forma "nos próximos días" formalizarase a saída de Feixoo da Xunta da Galiza, finalizando o proceso da súa substitución no PPdeG, e activarase a súa chegada á Cámara Alta.

O Senado, unha institución de representación territorial, acollerá así o líder do principal partido da oposición no Estado español, Núñez Feixoo. Analistas políticos xa teñen sinalado, cando se comezou a falar desta posibilidade de que Feixoo ocuparía este asento, que non exercería  de representante da Galiza, senón que ocuparía este escano para poder confrontar o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, unha vez ao mes como máximo, ao non ser deputado no Congreso.

Ademais, unha vez elixido senador, Feixoo será designado presidente do Grupo Popular do Congreso e do Senado. Así, poderá asistir aos grandes debates que decorran no Congreso e utilizar as súas dependencias e salas para atender os medios de comunicación.

No marco desta renovación, tamén está previsto que esta segunda feira renuncie como senadora por designación territorial Elena Muñoz, e a persoa proposta para substituíla no exercicio destas funcións será Miguel Tellado.

Antes de entrar na Cámara Alta, o Parlamento galego ten que dar Feixoo luz verde. Así mesmo, o líder estatal do PP ten que reunir toda a información requirida polo Senado, como a declaración de actividades, bens patrimoniais e rendas e intereses económicos.

Unha vez validados estes documentos, adquiriría a condición plena de senador. A toma de posesión pódese facer ante notario ou na sesión plenaria. Se se fai ante notario, o dirixente popular converteríase en senador para todos os efectos antes do Pleno, aínda que, de facerse así, tamén o podería volver repetir durante a sesión plenaria.

No entanto, só podería intervir no Congreso se o PP presenta unha moción de censura contra Pedro Sánchez e é o candidato popular, como fixo en marzo de 1987 Antonio Hernández Mancha contra o entón presidente do Goberno Felipe González, sen éxito.

Comentarios