Baltar desbota o paso atrás de Villarino en Ourense e rexeita asinar a moción de censura

O BNG insta ao PP a asinar o cambio na Alcaldía "canto antes" e pídelle que non busque máis escusas. Pola súa banda, o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, acusa ao PSOE de querer deixar "en evidencia ao inimigo".
O voceiro do Bloque na cidade, Luís Seara. (Foto: BNG)
photo_camera O voceiro do Bloque na cidade, Luís Seara. (Foto: BNG)

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, vén de recoñecer que non acepta o paso atrás do portavoz do PSOE na cidade, Rafael Villarino, para que poida saír adiante a moción de censura contra o reducido grupo de Goberno de Gonzalo Pérez Jácome, que conta só con dous edís. O popular afirma que “non se fía” do socialista, polo que desbota a sinatura da reclamada moción de censura.

Despois do anuncio de Villarino apartándose da carreira pola Alcaldía da terceira cidade da Galiza (en poboación) no caso de que se force a saída de Pérez Jácome, o presidente provincial non ten previsto tomar esa man tendida para facilitar a moción.

“As palabras de Villarino non valen nada”, afirmou Baltar a través dun comunicado. Se ben amosou a súa “defensa” e “máximo respecto” polas decisións doutros grupos políticos, recoñeceu que no Partido Popular “non se fían”. Consideran que o voceiro socialista no municipio ten unha “tremenda falta de credibilidade”.

Respecto ao antigo ofrecemento de asinar un pacto PP-PSOE se Villarino pasaba a un segundo plano, subliñou que “iso foi fai máis de catro meses e, en todo este tempo, seguiu dando exemplo da peor política”.

Baltar destacou que cando se informou ao secretario de Organización do PSOE en Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, da condición a cambio de que “en cinco minutos houbera unha coalición PP-PSOE” non se deron avances e agora si.

Polo tanto, de momento hai un rexeitamento inmediato a asinar a moción de censura contra o representante de Democracia Ourensá (DO). “É outro escenario e proba de iso é que fai días negaron a petición sobre as dedicacións que solicitaban os concelleiros do PP no Concello de Ourense”, finalizou, deixando a porta aberta a un estudo da situación.

Jácome procura a disputa

Neste contexto de certa ameaza para o seu cargo, o líder de DO e aínda rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, afirmou a través das súas redes sociais: “Villarino declara que se aparta como número un para facilitar un candidato alternativo e que o PP apoio unha moción de censura”.

Mais desde o seu punto de vista “non se aparta a ningún lado, simplemente intúe que o PP non vai a facer moción e pretende intentar deixar en evidencia ao inimigo”.

O BNG pide que rematen os vetos e a parálise

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello, Luís Seara, instou aos populares a deixar a súa rúbrica nesa moción “canto antes”. Tamén nas redes lembraron que esta medida xa foi proposta polos nacionalistas en setembro sen que nada mudara.

Con Ourense padecendo “meses de caos e parálise”, o Bloque pide que se desbloquee a situación. “O Concello está absolutamente desmantelado”, lamenta, advertindo de que xa non hai ningunha escusa que lle sirva ao Partido Popular.

Así reclama que finalicen “as escusas e vetos cruzados sen pensar no conxunto da veciñanza”. Seara insta a procurar un proxecto de cidade deixando a Pérez Jácome fóra da Alcaldía.

Comentarios