Feixoo, na dereita da dereita

Non hai diferenzas entre Alberto Núñez Feixoo e Pablo Casado. Hai diferenzas entre a sociedade galega e a española. Mentres o presidente galego tenta presentarse de maneira interesada como a alma moderada do PP, aplica na Galiza unhas políticas de inequívoca feitura reaccionaria, cuns evidentes custos sociais.

Núñez Feixoo con Pablo Casado manifestándose con Vox na Praza de Colón, en febreiro de 2019 (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Núñez Feixoo con Pablo Casado manifestándose con Vox na Praza de Colón, en febreiro de 2019 (Imaxe: Nós Diario)

Chegou á Galiza como o home de Madrid para pór orde naquel PP fraguiano dirixido por unhas baronías provinciais celosas da súa independencia fronte ao aparato central. Apadriñado polo tridente formado naquela altura por Romay Beccaría, Mariano Raxoi e José María Aznar, foi incrustado en 2003 como vicepresidente primeiro do último Goberno de Fraga co obxectivo de situar o PP galego na liña ditada por Madrid. Mozo para todo de Romay Becaría, non tardou en gañar a batalla da sucesión de Fraga co apoio dos sectores máis reaccionarios do partido.

Abandeirou a oposición ao Goberno bipartito entre 2005 e 2009, seguindo as orientacións fixadas pola poderosa fundación FAES, auténtico think tank do PP presidido por José María Aznar. A este respecto, foi ben significativa a posta en escena do seu liderado con motivo dos incendios forestais de 2006, un labor que respondeu ás indicacións estabelecidas pola fundación de Aznar. Nesta liña, FAES elaborou ao longo deste período un gran número de informes referidos á Galiza que tiveron o seu correlato noutras tantas campañas dos populares galegos.

A oposición á política lingüística do Executivo de coalición entre o PSOE e o BNG tamén foi deseñado pola FAES. Feixoo rachou cos consensos parlamentarios apoiados polo seu antecesor, Manuel Fraga, e lanzou o seu partido á batalla contra o idioma, poñendo en práctica un novo discurso elaborado polo think tank dos populares, onde presentaron o galego como a lingua que pretendía imporse coartando os dereitos individuais da cidadanía. Aínda non nacera o Feixoo centrista, tan querido para certos sectores de opinión, que se estreou como presidente derrogando a lexislación galeguizadora.

As políticas contra o público

A proposta ideolóxica que informa do programa de Feixoo non ofrece dúbidas. Os servizos públicos son sometidos a unha política sistemática de retallos con graves consecuencias no ámbito sanitario, educativo e da atención ás persoas maiores. O último exemplo: o Goberno galego opúxose a reducir o número de alumnado por aula, ao contrario do que recomendou o Executivo estatal por razóns sanitarias e demandou, tamén, a comunidade educativa atendendo a criterios pedagóxicos. Nesa mesma liña, Feixoo foi o único presidente que se expresou en contra de destinar á educación unha axuda ofrecida polo Estado ás comunidades autónomas.

As consecuencias das políticas privatizadoras do presidente galego están á vista nos centros de maiores. A crise sanitaria provocada polo coronavirus deixou en evidencia o modelo asistencial promovido desde a Xunta da Galiza, até o punto de que a totalidade das persoas mortas nas residencias durante a pandemia eran usuarias de xeriátricos de natureza ou xestión privada. Non é casual, tampouco, que a ratio de prazas públicas sexa das máis baixas do Estado, situándose, ao tempo, Galiza cunha porcentaxe moi inferior á recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

O sistema sanitario público está sendo duramente golpeado pola xestión de Feixoo. Así, atendendo aos datos achegados pola Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, só entre 2010 e 2014 deixaron de funcionar na Galiza arredor de 800 camas nos complexos hospitalarios, diminuíndo a súa cobertura na última década en 10%. Ao tempo, o número de prazas hospitalarias é de 333,1 camas por 100.000 habitantes, fronte 504,3 camas por 100.000 habitantes da media comunitaria. Outro tanto acontece coa cobertura das UCI, con 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes na Galiza, fronte a 8,28 prazas por cada 100.000 habitantes no Estado español.

As diverxencias entre o PP galego e o estatal só existen de cara á galería. Feixoo, consciente do rexeitamento que provocan na sociedade galega as posicións políticas de Cayetana Álvarez de Toledo ou de Isabel Díaz Ayuso, vese obrigado a marcar distancias, mais non dubida en defender os Executivos de coalición con Vox ou en manifestarse con esta formación, como fixo o pasado ano na madrileña praza de Colón.

Comentarios