O Papa reafirma o compromiso para erradicar os abusos da Igrexa

Francisco fixo hoxe referencia ao informe detallado do Vaticano sobre as décadas en que a institución ocultou a conduta sexual do que foi arcebispo de Washington Theodore McCarrick.
theodore_mccarrick
photo_camera O ex arcebispo de Washington Theodore McCarrick. (Foto: Vatican News)

O papa Francisco comprometeuse hoxe a limpar a Igrexa católica de abusos sexuais e rezou polas vítimas do ex cardeal Theodore McCarrick, un día despois de o Vaticano publicar un informe detallado sobre as décadas en que a institución ocultou a conduta sexual do que foi arcebispo de Washington.

Este informe culpa unha serie de bispos, cardeais e papas por restar importancia e desbotar moreas de evidencias dos delitos de McCarrick desde a década de 1990.

Un dos nomes que aparecen é o de Xoán Paulo II, que designou a McCarrick arcebispo de Washington no ano 2000 ─e despois cardeal─ malia unha investigación por el encargada sinalar que compartía a cama con seminaristas.

"Anovo a miña proximidade coas vítimas de calquera abuso e o compromiso da Igrexa para erradicar este mal", afirmou o pontífice, antes de facer unha pausa en silencio durante case un minuto, tempo en que aparentemente estivo orando.

Cesado por Francisco

Francisco cesou o ano pasado a McCarrick, de 90 anos, tras outra investigación do Vaticano que achou que abusara sexualmente tanto de adultos como de menores. O papa autorizou un estudo máis detallado sobre o ascenso de McCarrick a través do clero despois de se dar a coñecer unhas revelacións do que era un segredo a voces nos Estados Unidos e no Vaticano. Isto é, que se comportaba de maneira inapropiada con seminaristas, durmindo con eles ou en escapadas de fin de semana.

O informe suscitou interrogantes incómodas sobre Xoán Paulo II ─canonizado santo por Francisco─ e o seu secretario de confianza, o cardeal Stanislaw Dziwisz.

Este último foi obxecto dun maior escrutinio e de críticas na súa Polonia natal a respecto de acusacións sobre o encubrimento doutros casos de abuso sexual por parte de clérigos.

Comentarios