O Congreso dá o primeiro paso para investigar os abusos sexuais no seo da Igrexa

A Mesa da Cámara baixa admitiu a trámite a proposta de creación dunha comisión de investigación, cos votos en contra de PP e Vox
A portavoz adxunta de Unidas Podemos no Congreso, Sofía Fernández Castañón; a deputada de EH Bildu, Bel Pozueta e a deputada de ERC, Pilar Vallugera, rexistraron no Congreso unha comisión de investigación sobre os abusos na Igrexa (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera A portavoz adxunta de Unidas Podemos no Congreso, Sofía Fernández Castañón; a deputada de EH Bildu, Bel Pozueta e a deputada de ERC, Pilar Vallugera, rexistraron no Congreso unha comisión de investigación sobre os abusos na Igrexa (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

A Mesa do Congreso cualificou esta terza feira, co voto en contra de PP e Vox, a solicitude de creación dunha comisión de investigación sobre os abusos sexuais a menores no seo de Igrexa católica requirida por Unidas Podemos, Esquerra Republicana e EH Bildu.

A iniciativa pasou o primeiro filtro parlamentario grazas aos votos do PSOE e do grupo confederal, os outros dous grupos que integran o órgano de goberno da Cámara.

Os servizos xurídicos da institución non puxeran pegas á proposta, pero PP e Vox desmarcáronse do criterio dos letrados, que non é vinculante, e votaron en contra da súa tramitación.

Sen competencias

Os partidos que presiden Pablo Casado e Santiago Abascal consideran que a Igrexa non pode ser obxecto de control por parte do Goberno e defenden que esta cuestión debe dirimirse nos tribunais de Xustiza.

Con todo, unha vez admitida a trámite a solicitude, o seguinte paso será que a Xunta de Portavoces, por maioría, poña data ao seu debate en sesión plenaria.

Nesta fase de tramitación é onde caeron varias comisións de investigación, como as propostas para investigar a indemnización do proxecto Castor, impulsada por Compromís, ou a de abusos a menores tuteladas na Comunitat Valenciana e Balears, rexistrada por PP e Ciudadanos.

Investigación de expertos

O debate da comisión sobre os abusos na Igrexa non terá lugar antes do 17 de febreiro, a condición de que haxa maioría na Xunta de Portavoces para incluílo na orde do día. E aí, a sabendas da oposición de PP e Vox, a posición do PSOE será clave. 

Se chega ao Pleno, decidirase se se aproba ou non a súa creación. Ciudadanos está disposto a votar a favor, pero o PNV, que non forma parte da Mesa do Congreso, xa avanzou que prefire que sexa o Goberno o que constitúa un grupo de expertos para analizar esta cuestión e que despois presente as súas conclusións no Congreso, unha proposta que Unidas Podemos ve perfectamente compatíbel con que a Cámara faga a súa propia investigación.

A presión das vítimas

A presión das vítimas de abusos determinou ao Goberno a investiga os casos pederastia que levan anos denunciando por parte de sacerdotes, relixiosos e traballadores segrares do ámbito relixioso, desde os anos corenta ata a actualidade. 

Esta mesma semana a Fiscalía Xeral do Estado ordenou aos 17 fiscais superiores que lle remitan nun prazo de 10 días todas as denuncias e querelas en curso referidas a agresións e abusos sexuais a menores de idade en calquera institución relixiosa, se ben, boa parte dos procesos en trámite non se investigan pola vía civil, senón eclesiástica.

Comentarios