Feixoo cobrou do PP 39.260 euros brutos en función de "gastos de representación"

O líder dos populares desouvirá o mandato do Senado e non informará do seu salario como líder do PP até despois das eleccións.

Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo esta terza feira, 27 de xuño, en Valencia. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O presidente do Senado, Ander Gil, remitiu esta terza feira unha carta ao líder do PP e membro da Cámara alta desde o pasado ano, Alberto Núñez Feixoo, na que lle outorgaba un prazo de sete días —até o vindeiro 4 de xullo— para actualizar a súa declaración de rendas logo de que o grupo socialista exixise coñecer se está a percibir algún "sobresoldo" como presidente do seu partido.

Após ter coñecemento deste prazo fixado pola Cámara alta, o Partido Popular emitiu unha resposta na mañá desta cuarta feira na que anunciaba que Feixoo non completaría a súa declaración de bens e rendas até que deixe de ser senador. Isto é, após o 17 de agosto, cando se constitúan as novas Cortes coa configuración resultante do paso polas urnas o 23 de xullo.

Feixoo adquiriu a condición de senador o 25 de maio de 2022, declarando nese momento que o ano anterior percibira 85.601 euros pola súa actividade institucional e política na Galiza.

Os senadores perciben un salario de 3.174,83 euros brutos ao mes en 14 pagas, ao que suman complementos segundo as responsabilidades que asuman no Senado, e o resto de retribucións.

No caso do líder do Partido Popular, e segundo información publicada pola Cadena Ser, con estes complementos o salario de Feixoo alcanzaría a sumar un total de 5.008,68 euros brutos ao mes, que en 14 pagas suman 70.121,52 euros brutos ao ano.

Alén desta cantidade, Alberto Núñez Feixoo cobraría en 2022 como presidente do Partido Popular 39.260 euros brutos que a formación popular clasifica como “gastos de representación”.

Trátase de practicamente a mesma asignación que recibía o anterior líder do PP, Pablo Casado, durante a súa etapa aos mandos do partido, e que Feixoo cobra desde que “fuxiu” a Génova en abril de 2022. Esta cifra, desvelada por El Mundo, era até agora un segredo gardado na cúpula do PP.

Comentarios