O PPdeG ve Feixoo como "líder habilitado para asumir calquera responsabilidade"

Fernando López Miras (PP de Murcia) cre que a "solución Feixoo" constitúe "a mellor alternativa ao 'sanchismo'". Os partidos da oposición, expectantes: "Veremos se comeza encamándose con Vox en Castela e León".
Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, á súa saída da reunión na sede de Xénova (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira, á súa saída da reunión na sede de Xénova (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).

"Feixoo é un líder dentro e fóra do partido". Esas foron as palabras que pronunciou esta sexta feira o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, quen sen confirmar a "decisión personalísima" de se concorrerá ao congreso extraordinario de abril porque "non lle corresponde" a el facelo, centrou a súa intervención en reivindicar os "logros" da formación galega baixo o mandato de Alberto Núñez Feixoo, un "líder" cuxa xestión e traxectoria "habilítanlle para asumir calquera responsabilidade".

En consonancia co control dos tempos que quere o presidente galego e a pesar de que no partido xa se dá por feito que dará o paso, Tellado evitou calquera confirmación explícita, mais o propio formato da rolda de prensa, centrada na situación orgánica do PP, contrasta coas "cuestións de actualidade" que habitualmente adoitan centrar as súas comparecencias das sextas feiras.

Neste caso, no marco da crise sen precedentes aberta no PP a raíz do enfrontamento entre a dirección nacional de Pablo Casado e a presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, o secretario xeral dos populares galegos arrincou a súa intervención cunha petición de "desculpas" polos "erros" dos últimos días, á vez que subliñou a importancia de facer "unha sincera e profunda autocrítica" para saír fortalecidos.

"O noso partido a nivel estatal non estivo á altura", proclamou, antes de subliñar que o PPdeG é "o primeiro partido" do país e de resaltar que está disposto a implicarse de pleno no reto de "rearmarse" e de preparar "un gran congreso" que escoite á militancia e "una todo o partido" arredor dun novo liderado.

"Estamos preparados", aseverou, en relación a ofrecer un proxecto de país "sensato e sen estridencias" que "free os nacionalismos e populismos como xa se fixo na Galiza", esgrimiu, en alusión a que nin Vox, nin Ciudadanos, nin a denominada esquerda rupturista teñen representación no Parlamento galego.

Núñez Feixoo, dixo Tellado, "ten unha experiencia de xestión importante, unha experiencia política que o habilita para calquera responsabilidade. Feixoo é un líder dentro e fóra do partido", aseverou, após admitir que na Galiza "hai un afiliado cara ao que moitos españois miran en busca de solucións".

"Ese afiliado, que se chama Alberto Núñez Feixoo, ten que tomar unha decisión e facela pública. Estou seguro que non o fará antes de que ese congreso sexa convocado", engadiu, sen querer "especular" nin falar de "futuríbeis" no que respecta aos pasos que haberá que dar na Galiza, tanto na Xunta como no PPdeG, se Feixoo confirma a súa marcha.

López Miras aposta na "solución Feixoo"

O presidente do PP de Murcia, Fernando López Miras, manifestou, a respecto dos problemas na dirección do PP estatal, que "xa se superou esta crise", á vez que apostou na "solución Feixoo" como a mellor "alternativa ao 'sanchismo'". López Miras fixo fincapé en que o presidente do PP da Galiza "é a mellor apuesta que pode facer o Partido Popular para liderar un proxecto de goberno o antes posíbel".

"Veremos se pacta con Vox"

Por outra parte, o líder de Ciudadanos en Castela e León, Francisco Igea, apuntou esta sexta feira: "Veremos se o novo PP de Feixoo empeza encamándose con Vox [neste territorio]". Na mesma liña pronunciouse o seu homólogo do PSOE, Luis Tudanca, que pediu Feixoo que "non mire cara a outro lado" ante un posíbel acordo coa extrema dereita.

Comentarios