Feixoo cualifica de "moi boa noticia" o arquivo da investigación da Fiscalía a Juan Carlos I

O presidente da Xunta defende que a Coroa debe quedar "libre de sospeitas e dúbidas" pese a que aínda existen causas abertas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nesa quinta feira en Ourense. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cualificou de "moi boa noticia" o arquivo das investigacións que a Fiscalía estaba a levar a cabo contra Juan Carlos I, a pesar de que a xustiza constatou a comisión de numerosas irregularidades por parte do antigo monarca do Estado español.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, posterior a unha reunión do Goberno galego, Feixoo asegurou que o rei emérito sufriu "moitísimo" non "derradeiros longos meses". Para o dirixente popular, este foi o seu peor momento "a nivel persoal" após o intento de golpe de Estado do 23F.

O arquivo da investigación por parte da Fiscalía, que non nega a comisión de delitos, tivo lugar pola prescrición dos mesmos ou pola condición de inviolabilidade da que Juan Carlos I gozou até o momento da súa abdicación.

Neste sentido, Feixoo subliñou que "o Estado de Dereito funcionou", e destacou a súa "credibilidade". "As institucións do Estado español chegaron á conclusión de que a investigación non contraía os tipos penais do noso Código", engadiu.

"Libre de sospeitas"

Para o presidente do Goberno galego, que desde a cuarta feira é candidato a presidir o Partido Popular (PP) a nivel estatal, a Coroa española "queda libre de sospeitas e dúbidas", a pesar de que o propio rei emérito segue a ter causas abertas, por presunto espionaxe a unha das súas amantes, Corinna Larsen.

Feixoo afirmou que agarda e desexa que "este sexa o sentir de todos os partidos democráticos no Estado español".

Defende que o arquivo da investigación "é moi bo" para o Estado español porque lle permite "retomar a normalidade". "A Coroa é unha das grandes institucións que deron estabilidade no Estado en 40 anos", concluíu. 

Comentarios