Os populares fechan filas coa Casa Real

Feixoo cualifica de “exemplar” o discurso de Felipe VI

Os máximos responsábeis dos populares galegos non aforraron eloxios ao discurso de Felipe VI. Mentres o seu presidente, Alberto Núñez Feixoo cualificábao de “exemplar”, o secretario xeral, Miguel Tellado definiuno como “inspirador e profundo”.

O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP, Alberto Núñez Feixoo (Foto: Europa Press).

Alberto Núñez Feixoo foi o primeiro dirixente do Partido Popular da Galiza en achegar a súa valoración sobre a intervención de Felipe VI. Nun chío colocado nas redes sociais, o mandatario galego celebrou que “de novo” o monarca dera un discurso de Nadal “exemplar”.

“Maxestade, conte con Galiza", afirmou Feixoo, quen significou “a proximidade cos españois ante a pandemia” do rei e destacou o seu “compromiso coa Constitución e os seus valores integradores”.

Feixoo cualificou a intervención de Felipe VI “de exemplaridade institucional e de confianza no país para a reconstrución” após a crise sanitaria e económica provocada pola Covid.

“O país precisa máis discursos como o de Felipe VI”

O secretario xeral dos populares galegos Miguel Tellado tampouco aforrou gabanzas as palabras do monarca. Neste sentido, cualificou “de inspiradora a intervención pronunciada” polo rei e apuntou que “o país precisa máis discursos como o de Felipe VI e menos como os que pronuncia Pedro Sánchez”.

“As verbas do monarca combinaron o optimismo e a confianza ante as potencialidades dunha gran nación como España co rexeitamento daqueles partidos que fan da confrontación un xeito de vida e mesmo de supervivencia política”, adiantou o dirixente popular.

Tellado lembrou que “durante 40 anos de democracia os Gobernos sempre estiveron ao carón da monarquía” e instou ao “Goberno en tomar nota do modelo de convivencia reivindicado por don Felipe”

“Zarzuela entende mellor a sociedade”

“Na  defensa dunha sociedade que avanza unida e sen rancor estará sempre o Partido Popular da Galiza”, asegurou Tellado, quen afirmou que “Zarzuela entende mellor a sociedade e está máis preto da rúa que o Palacio da Moncloa”.

Os populares destacaron a sensibilidade social da intervención de Felipe VI e significaron que “a Coroa estea máis sensibilizada con esta cuestión que un suposto Goberno de progreso debería facer reflexionar aos ministros de PSOE e de Podemos”.

“As verbas do monarca combinaron o optimismo e a confianza ante as potencialidades dunha gran nación como España co rexeitamento daqueles partidos que fan da confrontación un xeito de vida e mesmo de supervivencia política”, aseverou Tellado.

Comentarios