TODO MONTE PíO MOBILIZADO PARA TENTAR RETER O PODER MUNICIPAL DO PARTIDO

O Goberno Feijóo en campaña

Até catro conselleir@s integrados en candidaturas municipais, 2 ex-conselleir@s ao asalto de 2 das principais cidades galegas e outro ex a intentar ‘salvar os mobles’ na capital do país.

feijoo
photo_camera feijoo

Non son unhas municipais máis. Por activa ou pasiva todos os actores electorais na cita do 25M partillan a idea. A aparición de novos fenómenos políticos, a crise, a proximidade das estatais, a posibilidade de importantes cambios no taboleiro político... fan que os resultados das urnas vaian ter diversas consecuencias e vaian ser analizados desde diferentes prismas.

O PPdeG e Núñez Feijóo tamén saben e son conscientes do importante destes comicios. Un exemplo é a implicación do propio presidente na campaña, con varios actos por xornada en apoio aos seus candidatos, con especial incidencia naquelas ‘prazas’ que lle parecen máis complicadas. Mais non só Feijóo, tamén conselleiros e altos cargos ‘políticos’ da Xunta están a ‘patear’ Galiza de norte a sur para arroupar as listaxes do PP.

O goberno galego ten unha forte impronta personalista de Núñez Feijóo. Todos e cada un dos conselleiros e conselleiras son da súa absoluta e total confianza, un gabinete sen voces xa non diferentes senón sen sequera un matiz de ‘variación’ a respecto do discurso, proxecto ou pensamento presidente. Son os ‘rapaces’ e ‘rapazas’ de Feijóo, e este mandounos combater na trincheira municipal.

Non só Feijóo, tamén conselleiros e altos cargos ‘políticos’ da Xunta están a ‘patear’ Galiza de norte a sur para arroupar as listaxes do PP

Até catro conselleiros e conselleiras forman parte de candidaturas nestas municipais. O vice-presidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, na de Pontevedra; a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na listaxe da Coruña; o titular do departamento de Industria, Francisco Conde, vai na de Monforte de Lemos; e, por último, na candidatura dos populares de Brión vai Rosa Quintana, conselleira do Mar e Medio Rural.

Que as municipais eran cousa importante para Feijóo ficou claro xa desde hai meses, coa decisión de prescindir no executivo de dúas das persoas da súa maior confianza para encomendarlles a ‘conquista’ de Ourense e Vigo. Jesús Vázquez, que era conselleiro de Educación e Cultura, ten o mandato do presidente de poñer a pica do PP na cidade das Burgas. E Elena Muñoz, que era a titular do departamento de Facenda, foi enviada a Vigo.

Que Feijóo era quen de empregar tamén os seus ‘rapaces’ para intentar sufocar lumes ou ‘endereitar’ desfeitas nos concellos xa ficara probado en Santiago de Compostela. Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tragou saliva e acatou as ordes de Núñez Feijóo para asumir as rendas do concello da capital de Galiza na recta final dunha lexislatura escandalosa, con alcaldes e concelleir@s imputados.

Comentarios