Feijoo bate contra o nacionalismo en Ames

Acusa a BNG e AGE de "estar cos terroristas" nun acto do PP. 

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

"O PP está coa xustiza, cos xuices" afirmou Paula Prado desde a tribuna do mitin que o Partido Popular desenvolveu este sábado en Ames coincidindo coa apertura do curso político na Coruña.

Para @s populares que organizacións políticas e sociais subscribiran un manifesto colectivo denunciando a "brutalidade" da condena sentenciada pola Audiencia nacional española contra catro independentistas por "participación en organización terrorista", é "repugnante" e "impropio" de representantes democráticos, afirmou Alberto Núñez Feijóo no mesmo acto.

O presidente da Xunta de Galiza e lider do PPdeG, bateu con dureza contra as forzas políticas --nomeadamente contra aquelas con representación parlamentar (BNG e AGE), por térense solidarizado c@s moz@s condenad@s a penas de entre 10 e 18 anos de cadea. Para Núñez Feijóo @s representantes do pobo galego están "a xustificar que se empregue a violencia", embora ambas as dúas forzas emitisen senllos comunicados en que amosan de maneira clara o seu rexeitamento ao uso da violencia para conseguir fins políticos.

Feijóo acusou a BNG e AGE de "xustificar a violencia" embora ambas as dúas forzas emitisen senllos comunicados amosando o seu rexeitamento á mesma

"Non sei o que están agardando para condenar claramente o terrorismo en Galiza", continuou o mandatario entre os aplausos da militancia do PP, pois para Alberto Núñez Feijóo neste país non se pode "camiñar con seguridade" nin "tranquilidade" polas rúas. Así as cousas, no decorrer do xuizo desenvolvido o pasado mes de xuño na Audiencia Nacional española os representantes das forzas políticas con representación parlamentar, incluído o voceiro do PP, Pedro Puy, negaron que @s representantes institucionais tivesen que portar escolta perante unha hipotética ameaza.

Contra a manifestación do 15 de setembro
Núñez Feijóo aproveitou a ocasión para bater contra a mobilización convocada polo BNG para este domingo (15 de setembro). O presidente da Xunta criticou que teña lugar "unha manifestación independentista" na capital galega e asegurou que a "independencia" na que acredita a súa formación é a de "camiñar polas rúas con seguridade e tranquilidade", a "independencia económica dos fillos" ou falar, dixo, "no idioma que pete".

Máis en POLÍTICA
Comentarios