A Eurocámara investigará a deportación de Ana Miranda

A Eurodeputada do BNG foi retida durante seis horas en Tel Aviv.
Ana Miranda ao seu regreso no aeroporto de Peinador (Vigo). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda ao seu regreso no aeroporto de Peinador (Vigo). (Foto: Nós Diario)

O Parlamento Europeo pedirá explicacións ás autoridades de Israel por deportar a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, cando viaxaba en misión oficial da Eurocámara a Palestina. 

Nunha mensaxe nas redes sociais, Roberta Metsola, presidenta do Parlamento Europeo, expresou a súa "decepción" e lamentou o caso da eurodeputada do BNG, retida durante seis horas no aeroporto de Tel Aviv, e deportada a Madrid após serlle denegada a entrada en Israel.

A propia eurodeputada Ana Miranda denunciou o caso nas redes sociais, asegurando que Israel vetou a súa entrada pola súa participación na flotilla internacional de apoio humanitario a Gaza en 2015. "Unha afronta diplomática, falta de respecto á Eurocámara e penalización por ter eu participado na flotilla internacional de 2015", afirmou a eurodeputada do BNG. 

Ana Miranda aterrou esta terza feira no aeroporto de Peinador de Vigo, onde foi recibida polo candidato do BNG á Alcaldía cidade Xabier Pérez Igrexas e por militantes da formación. En declaracións á súa chegada, Miranda subliñou que a misión da delegación europea de entrada en territorio palestino, que ía durar catro días, estaba autorizada polo Ministerio de Israel.

Expulsión arbitraria

Após agradecer a solidariedade e o apoio do BNG, do Parlamento Europeo e da Comisión, Miranda advertiu que seguirán "defendendo o pobo palestino, non lles temos medo"

A eurodeputada denunciou que a súa expulsión foi unha "rotunda arbitrariedade" por parte de Israel. "Hai que dicilo alto e claro: Israel vulnera os dereitos de Palestina", afirmou.  "A Eurocámara e tamén o Goberno de España deben pedir responsabilidade a Israel por cuestionar unha misión oficial do Parlamento Europeo", engadiu Ana Miranda. 

Comentarios