O PP rexeita unha iniciativa do PSdeG que reclamaba a gratuidade

As escolas de 0 a 3 anos non serán gratuítas na Galiza

O Partido Popular fechou a porta no Parlamento da Galiza á gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos. A este respecto, os deputados populares votaron en contra dunha iniciativa presentada pola deputada socialista María Ortega, apoiada polos nacionalistas, onde reclamaba que a “Xunta orce e execute a gratuidade do total de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos desde xaneiro de 2022”.

Marina Ortega (PSdeG).
photo_camera A deputada socialista Marina Ortega. (Foto:PSdeG).

Ortega instou o PP a que “defina como vai executar o proceso e inicien canto antes” a posta en marcha dunha medida que fora anunciada polo presidente da Xunta no último debate” do estado da nación, “pero que pretende adiar até o próximo curso”.

Neste sentido, advertiu que “non se pode anunciar unha cuestión tan importante para o día a día das familias, sinaladamente para a conciliación laboral das mulleres, e pretender desaparecer até setembro de 2022”.

A deputada socialista afirmou que “non pode ser que o presidente do Goberno galego lance titulares en todos os medios coa noticia cando non está nin tan sequera definido o procedemento” e criticou o presidente galego por apuntarse ao “o método eu invito e ti pagas, o de ti solta a exclusiva e logo xa veremos, o de asubiar cando a oposición reclama información, e finalmente o de que o bo grazas a min, o malo a ti contra o Goberno español”.

Falla de recursos públicos

A parlamentaria do PSdeG reclamou ao Goberno galego que “dea a cara coas escolas infantís e coa cidadanía susceptíbel de beneficiarse da medida, achegando información de maneira rigorosa”, definindo “cuestións fundamentais, como saber se prefiren dar subvención ás escolas infantís e non directamente ás familias beneficiarias”.

Advertiu de que “traballar pola conciliación debe ir aparellada si ou si de recursos”, mentres a Xunta “fai o contrario e baixa a partida orzamentaria específica”.

Comentarios