Educación non reforzará persoal nin recursos para a atención á diversidade

O Partido Popular rexeita asumir o todo o custo das escolas infantís.
Aulas nun centro (Nós Diario)
photo_camera Aulas nun centro (Nós Diario)

Non haberá unha maior dotación nin de persoal nin de recursos para a atención á diversidade no ensino galego. Haberá, iso si, unha política de adaptación "cada ano" do persoal de orientadores a "as necesidades de cada centro", en palabras da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que onte compareceu na comisión de Educación para responder a unha pregunta da deputada nacionalista María Cristina Fernández.

A parlamentaria do BNG lamentou a falla de "compromiso" por parte da Xunta para destinar "máis persoal e recursos" a este servizo. A diversidade é unha realidade social que "vai a máis", dixo.

Ante o incremento dos casos de alumando con necesidades de apoio específicas, "precísanse máis recursos  efectivos docentes e especializados nos departamentos de orientación". A directora xeral asegurou que "cada ano faise unha valoración pormenorizada das necesidades e ofrécense alternativas".

A resposta non convenceu á nacionalista, que instou a Administración galega a aumeytar o número de especialistas en cada departamento "e con compensacións salariais equivalentes a outras categorías con titulación, funcións, responsabilidade e dispoñibilidade similar".

Escolas infantís

A Cámara galega rexeitou onte, cos votos en contra do PP, a proposición do PSdeG que reclamaba á Xunta  que ampliase a rede de escolas infantís e garantise o seu financiamento nos Orzamentos de 2024. Begoña Rodríguez Rumbo denunciou que o Goberno galego anuncie a gratuidade das escolas de 0 a 3 anos mais obrigue os concellos a asumir parte dos custos. 

Comentarios