Un dispositivo de 7.400 axentes para a xornada electoral na Galiza

Estará composto por efectivos da Policíl, Garda Civil, Policía Local e Adscrita á comunidade

O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).
photo_camera O electorado galego está chamado ás urnas o próximo 18 de febreiro (Foto: Joaquin Corchero / Europa Press).

Un total de 7.364 efectivos das forzas e corpos de seguridade estatais, autonómicos e locais velarán pola seguridade no exercicio ao dereito ao voto este domingo, día 18 de febreiro, con motivo das eleccións ao Parlamento da Galiza.

En concreto, a Garda Civil despregará 4.178 axentes e a Policía, contando coa Unidade de Policía Adscrita, outros 2.182 axentes. Pola súa parte, os distintos corpos de Policía Local mobilizarán 1.004 axentes.

Por circunscricións electorais, na Coruña, o dispositivo estará formado por 2.617 axentes (1.454 da Garda Civil, 792 da Policía española e Policía Adscrita e 371 da Policía Local); 1.133 na provincia de Lugo (774 da Garda Civil, 266 de Policía e Policía Adscrita e 93 da Policía Local); 1.132 en Ourense (770 da Garda Civil, 267 de Policía e Policía Adscrita e 95 da Policía Local), e 2.481 en Pontevedra (1.180 da Garda Civil, 857 da Policía e Policía Adscrita e 445 da Local).

Diso informou a Delegación do Goberno español na Galiza nun comunicado, no que lembra que ten as competencias en materia de seguridade nos procesos electorais.

Entre as súas funcións está a de garantir a seguridade cidadá no exercicio dos dereitos e liberdades no día da votación, a vixilancia e protección de infraestruturas críticas, así como a ciberseguridade de todo o proceso e os dispositivos dos colexios electorais e as súas inmediacións. Ademais, tamén coordina as forzas de seguridade do Estado cos corpos autonómicos e locais.

O dispositivo, que estará operativo desde primeira hora da mañá e até que se faga público o reconto de votos, velará por que a xornada electoral transcorra sen incidencias nos 2.346 colexios electorais repartidos polo país.

Máis en POLÍTICA
Comentarios