A Deputación de Pontevedra xustifica a censura de relatoras que apoiaron o BNG alegando "criterios técnicos"

A Deputación de Pontevedra defende que "en ningún momento contactou directamente" coas participantes na iniciativa, senón que se realizou a través da empresa propietaria intelectual do proxecto, a cooperativa O Cable Inglés.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Poñentes que ían participar no programa de igualdade 'Aquí faltan páxinas' denunciaron "censura" por parte da Deputación de Pontevedra, ao seren excluídas por estar vinculadas ao BNG de diferentes formas, ben por ir nas súas listas ao Parlamento da Galiza ou ben por pedir directamente o voto para a formación nacionalista.

Tamén o grupo provincial do PSdeG-PSOE denunciou "a volta da censura" na institución provincial que desde o pasado verán dirixe o PP, tras oito anos de bipartito de socialistas e nacionalistas. Con todo, o goberno da Deputación alega que o seu servizo de Igualdade baseou a súa decisión "única e exclusivamente en criterios técnicos".

En concreto, nas últimas horas queixáronse pola súa suposta exclusión, a través de redes sociais, Mercedes Queixas e Elsa Quintas, integrantes das listas do BNG pola Coruña e Pontevedra, respectivamente, ao Parlamento; así como María Xesús López Escudeiro e Montse Fajardo, tamén próximas ao Bloque.

A portavoz do PSdeG na Deputación, Ana Laura Iglesias, mostrou a súa "máis firme condena" por estes feitos e acusou directamente ao PP de "censurar sen pudor" o programa 'Aquí faltan páxinas', que puxo en marcha o goberno anterior dirixido pola socialista Carmela Silva.

Esta iniciativa pretendía "pór en valor a mulleres magníficas e invisibilizadas" e para "poder contar con expertas sen pedir a ninguén a súa afiliación". "Isto é o que marca a diferenza entre nós e o Partido Popular, cada vez máis ultra e cacique", sinalou Iglesias.

"Criterios técnicos"

A Deputación de Pontevedra explica que "en ningún momento contactou directamente" coas participantes na iniciativa, senón que se realizou a través da empresa propietaria intelectual do proxecto: a cooperativa O Cable Inglés.

En calquera caso, o goberno da Deputación insiste en que as decisións adoptadas desde o servizo de Igualdade baséanse "única e exclusivamente en criterios técnicos". No caso desta segunda edición de 'Aquí faltan páxinas', ao que deu continuidade o actual goberno do PP, a Deputación explica que "optou por aplicar criterios como o da non repetición de relatoras, a entrada de novos perfís menos visíbeis e a súa extensión a municipios do rural".

Resposta de Fajardo

Porén, unha das afectadas, Montse Fajardo, non tardou en responder ás "escusas" da Deputación a través das súas redes sociais: "As escusas da Deputación de Pontevedra para o seu veto son facilmente desmontábeis. Que eu saiba, das catro censuradas só repetía eu e a Virxinia [Pereira, de quen Fajardo é biógrafa] querían mantela, non é certo que busquen perfís menos coñecidos. Ademais, tanto ela como Placeres [Castellanos, da que Elsa Quintas é biógrafa] non naceron en cidades grandes. En fin, xulgade vós. Eu creo que a cousa está moi clara".

Comentarios