Luz verde ás contas da Deputación de Pontevedra: 189,2 millóns

Os orzamentos de 2024 ascenden a 189,2 millóns.
Votación no pleno da Deputación de Pontevedra, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Votación no pleno da Deputación de Pontevedra, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A Deputación de Pontevedra aprobou esta sexta feira de maneira definitiva, nunha sesión plenaria extraordinaria, o orzamento máis alto da súa historia, que alcanza os 189,2 millóns de euros. As contas provinciais xa foran aprobadas inicialmente noutra sesión plenaria decorrida o pasado 10 de novembro. 

Coa segunda aprobación en pleno deste orzamento, que obtivo os votos favorábeis dos deputados do Partido Popular e o rexeitamento dos de PSOE e BNG, o Goberno provincial cumpre o seu compromiso de facer que as contas novas, as primeiras do mandato do popular Luís López, entren en vigor o primeiro día do ano 2024. A partida para Cooperación está dotada cun total de 66 millóns de euros, medra en 9,3 millóns de euros.

O portavoz do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, destacou que "sen ningún tipo de contratempos" aprobáronse "as contas do municipalismo". "Este é un Goberno que cumpre", insistiu Cubela, aínda que non fixo referencias no seu discurso ás alegacións presentadas ao orzamento, algo que foi reprochado polo voceiro do BNG, César Mosqueira.

Precisamente, as críticas da formación nacionalista ao orzamento centráronse en que non recollen a creación dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) provincial. 

Foi máis crítico o portavoz do PSOE, Carlos López Font, que criticou o Goberno do presidente Luís López porque os cinco meses que levan gobernando foron "un escándalo de erros e dalgún caso de corruptela, até o presidente envelleceu de maneira alarmante", dixo.
Font censurou o "escurantismo" na xestión da Administración provincial e que "as Alcaldías seguen sen saber canto van recibir da Deputación" e, ademais, criticou o cambio de criterios á medida do PP" no reparto dos fondos destinados aos concellos. 

Plan +Provincia

A Deputación pontevedresa aprobou tamén esta sexta feira as bases do programa +Provincia, o plan de obras e servizos máis alto da historia do organismo provincial, segundo o Executivo, que repartirá entre 59 concellos de menos de 50.000 habitantes un total de 48,2 millóns de euros. Financiará investimentos, gasto corrente, promoción do emprego e proxectos de mobilidade. 

Comentarios