A Deputación de Lugo aproba o orzamento de 116 millóns para 2024

O pleno provincial mostra o seu apoio ás traballadoras da limpeza
281123 Pleno Deputación Provincial de Lugo
photo_camera (Foto: Deputación de Lugo)

A Deputación de Lugo aprobou esta terza feira no pleno os Orzamentos para 2024 que, con máis de 116 millóns de euros, suporán "máis servizos públicos e máis dinamismo económico" e demostran que “é posíbel outro modelo de xestión, con diálogo, lealdade e recursos para os concellos”, segundo o Goberno provincial do PSdeG e do BNG.

As políticas sociais concentran un terzo do orzamento para, entre outras medidas, as residencias de maiores, o financiamento do servizo de atención ao fogar dos concellos ou a teleasistencia. O Executivo incrementa o Plan de cooperación cos concellos até os 21,75 millóns de euros, o que supón 20% do presuposto; 11% os fondos para a mellora da mobilidade; e 7,6% as partidas a sectores produtivos estratéxicos.

O vicepresidente da Deputación de Lugo  Efrén Castro celebrou a aprobacion dos Orzamentos e valorou “o Plan Único como principal instrumento de cooperación cos concellos” e remarcou “a aposta por dar continuidade e reforzar esta fórmula de distribución de recursos, con criterios públicos e obxectivos, incrementando o investimento previsto".

Limpeza

Ademais, o pleno provincial mostrou o seu apoio ás traballadoras da limpeza, en folga desde hai case 45 días. Acordou por unanimidade reclamar á Confederación de Empresarios de Lugo e á Asociación Profesional de Empresas de Limpeza que manteñan unha actitude “negociadora áxil”, que favoreza o diálogo e facilite un acordo entre ambas as partes. 

A institución provincial esixirá a ao Executivo galego que medie no conflito. A deputada nacionalista Iria Castro acusou o PP de querer "dividir as traballadoras e favorecer a patronal" nunha provincia na que "o sector ten os salarios máis baixos do Estado".

Campus Terra

Por último, o Pleno tamén aprobou exixir á Xunta da Galiza que garanta a oferta lectiva do Campus Terra. Insta o Goberno galego a modificar o decreto que implicaría unha redución de graos no campus lucense da USC.

Comentarios