A Deputación da Coruña terá 10 áreas de goberno, algunhas de nova creación

PSOE e BNG asumen o Executivo da institución entre 2023 e 2027
Pleno da Deputación da Coruña decorrido esta quinta feira (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Pleno da Deputación da Coruña decorrido esta quinta feira (Foto: Deputación da Coruña).

O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte por unanimidade a proposta de organización do goberno conformado por PSOE e BNG para o mandato 2023-2027, que incorpora novas áreas como Industria, Política Demográfica, Mar e Medio Rural, Comercio e Cadea Agroalimentaria ou Avance Dixital.

A institución estará presidida de novo por Valentín González Formoso (PSOE) e contará con Xosé Regueira Varela (BNG) á fronte da Vicepresidencia. O pleno aprobou a creación de dez comisións informativas, unha máis que no anterior exercicio. José Ramón Rioboo Castro (PSOE) será deputado de Facenda, Recursos Humanos e Avance Dixital; Eudoxia María 'Yoya' Neira Fernández (PSOE), de Política Social, Educación e Mocidade; Cristina Capelán Cancelo (PSOE) porase á fronte de Sectores Produtivos: Mar e Medio Rural; a deputada Cristina García Rei (BNG) asumirá Plans Provinciais e Asistencia a Municipios; Xosé Regueira levará Promoción Turística, Artesanía, Comercio e Cadea Agroalimentaria; a deputada de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais será Mónica Rodríguez Ordóñez (PSOE); a de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Natividade de Jesús González Rodríguez (BNG); Xosé Penas Corral (BNG) será o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento; Rosa Ana García López (PSOE), a de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica e Antonio Leira Piñeiro (PSOE) encabezará Deportes.

A delegación especial en materia de Educación e Mocidade dependerá da socialista Eudoxia María Neira Fernández mentres que á fronte da de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís estará a nacionalista Soledad Agra Tuñas.

Xunta de goberno e pleno

As comisións reuniranse unha vez ao mes e estarán integradas por 12 deputadas e deputados: 5 do grupo popular, 4 do socialista, 2 do BNG e 1 de Alternativa dos Veciños, cuxos voceiros no pleno serán Evaristo Ben Otero (PP), Bernardo Fernández Piñeiro (PSOE), Avia Veira González (BNG) e Ángel García Seoane (AV).

A Xunta de Goberno reunirase a primeira e terceira sexta feira de cada mes e estará integrada polo presidente, González Formoso, e os deputados Regueira Varela, Fernández Piñeiro, Rioboo Castro, Leira Piñeiro, Rodríguez Ordóñez, García López, García Vidal, García Rei, González Rodríguez e Penas Corral. 
As sesións plenarias ordinarias terán lugar a última sexta feira de cada mes ás 12 horas.

Comentarios