28-M

Denuncian que o PP leva de candidato número 3 nos Brancos un condenado por maltrato

Os socialistas denuncian que os populares "estiveron a esperar ao cumprimento da condena para recuperar esta persoa nas súas listas, a pesar de ser coñecedores de que a día de hoxe e no momento das eleccións do 28-M estará sen cumprir a orde de afastamento ditada" na propia sentenza, xa que "vence en xuño".
Casa do Concello dos Brancos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Casa do Concello dos Brancos (Foto: Nós Diario).

O PSOE dos Brancos (comarca da Limia) volveu denunciar a presenza de José Manuel Barreiro Jardón nas listas do PP, despois de que en 2019 fose condenado a 20 meses de prisión e tres anos de imposibilidade de achegarse a menos de 200 metros da súa vítima, así como non poder dirixirse a esa persoa por ningún medio.

A través dun comunicado, a candidata socialista, Emilia López, quixo manifestar que lle parece "absolutamente inaceptábel nunha democracia" que un candidato cuxa orde de afastamento está "en vigor" e está condenado a prisión por violencia no ámbito familiar "forme parte dunhas listas electorais".

A sentenza foi ditada polo Xulgado do Penal número 1 de Ourense en 2019 e posteriormente ratificada pola sección dúas da Audiencia de Ourense.

Os socialistas denuncian que os populares "estiveron a esperar ao cumprimento da condena para recuperar esta persoa nas súas listas, a pesar de ser coñecedores de que a día de hoxe e no momento das eleccións do 28-M estará sen cumprir a orde de afastamento ditada" na propia sentenza, xa que "vence en xuño".

O propio PP expulsou o concelleiro

Os socialistas dos Brancos lembran que foi o propio PP o que "expulsou este concelleiro do grupo de goberno no momento da condena" -por agresión ao seu pai-, concretamente, o 31 de xullo de 2020, a través dunha moción de urxencia, motivo polo que se preguntan "por que recuperan agora novamente, sabendo que aínda ten en vigor unha orde de afastamento por malos tratos familiares".

A candidata do PSOE á Alcaldía dos Brancos, Emilia López, considera que o PP e o seu candidato, José Manuel Castro, "atentan contra a moral e a ética ao permitir que un condenado por violencia no ámbito familiar forme parte da súa lista electoral".

Por iso, consideran que "deberían apartar de forma inmediata a esta persoa das listas". O PSOE afirma que en caso de non facelo, os populares "están a demostrar que non son capaces nin de cumprir co seu propio código ético e de conduta e atentan contra a ética e a moral dos veciños".

Os socialistas lembran que xa hai catro anos, nos anteriores comicios, esta persoa formou parte da candidatura do PP "a propósito de que se atopaba pendente de xuízo", unha situación que "se agrava neste caso", porque "foi condenado".

Comentarios